Os conxuntos galegos tratarán de meterse este domingo na final do Campeonato de España de Selecciones Autonómicas -Galicia-Madrid, ás 11.15 h (feminino) e Galicia-Valencia, ás 13.00 h (masculino)-
As seleccións galegas cadete masculina e feminina acadaron hoxe o pase ás semifinais do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se está a disputar estes días en Valladolid. Foi unha xornada moi emocionante e sufrida na que as seleccións xuvenís tamén tiveron serias opcións de meterse nas semis, pero non estiveron atinadas nos momentos clave. As seleccións infantís, que se enfrontaban a duros rivais, tampouco puideron pasar.
Cuartos de final Campionato de España cadete masculino. Navarra, 30 – Galicia, 34
Espectacular partido da selección galega cadete masculina, que acadou o pase as semifinais despois de eliminar a Navarra, que chegaba invicta e era unha das favoritas para loitar polas medallas. O choque comezou con intercambio de tantos entre ambos os equipos, con diferenzas mínimas no marcador (9-9, min. 15). Pero dúas exclusións permitiron a Navarra alcanzar unha renda de 3 goles (min. 24, 14-11), aínda que os galegos reaccionaron e foron quen de recortar a distancia para ir ao descanso só un tanto abaixo (19-18).
Á volta de vestiarios, Galicia axustou a súa defensa freando o lanzamento exterior dos navarros o que permitiu que dominase case toda a segunda parte no marcador con rendas mínimas de 1 ou 2 goles. Ata que no últimos cinco minutos, conseguiu a súa renda máxima no partido de 4 goles, para vivir así un final de encontro plácido e gozar ao máximo da clasificación para as semifinais do Campionato de España. Grandes!
Galicia, 34: José Cerqueiro, Carlos Álvarez (14), Roi Gallego (3), Mario Cancela (2), Marco García (1), Iago Costas (1), Esteban Carballido, Rubén Sequeiros, Sergio Blond (1), Alejandro López (2), David Álvarez, Henrique Gabriel (4), Lois García, Diego Fernández, Román Arboleya (3) e Daniel Virulegio (3).
Mañá semifinal Galicia-Comunidade Valenciana (13:00 h)
Cuartos de final Campionato de España cadete feminino. Euskadi, 26 – Galicia, 30
Foi o último partido da xornada e a segunda alegría do día. A selección cadete feminina logrou clasificarse para as seminais do CESA2019, despois de repoñerse a un mal inicio de partido. As cousas non comezaron ben para as rapazas de Abel González e Ana Costas. En catro minutos xa levaban dúas exclusións e no minuto 7 ían cinco tantos abaixo (7-2). Pero as galaicas caracterízanse pola súa garra e non baixaron os brazos, ao contrario, e comezaron a remar contra marea para ir recortando pouco a pouco ata acadar o empate no minuto 20 (9-9). E así, con moita intensidade, seguiron crendo nas súas posibilidades e lograron alcanzar o descanso cunha vantaxe de tres tantos (12-15).
Na segunda metade as vascas non tiveron a máis mínima opción, cunha Galicia moi solidaria e intensa, que mantivo sempre unhas distancias de 3 a 5 tantos, para rematar cun 26-30 final. Hai que destacar a Laura Magdaleno en ataque, con 12 tantos. E así, en semifinais!
Galicia, 30: Marian Mera, Alba Afonso, Anastasija Doder, Verónica de Cristófaro, María Currás (2), Sabela Miniño (6), Carla Baltasar, Ithaisa Trigo (3), Area Martínez, Marta da Silva (5), Antía Estévez, Sara Román (2), Laura Magdaleno (12), Yaiza Alonso, Lorena Vaello e Helena Sánchez.
Mañá Galicia enfrontarase a Madrid na semifinal ás 11:15 h
Cuartos de final Campionato de España xuvenil feminino. Galicia, 30 – Asturias, 32
A selección galega xuvenil feminina caeu eliminada nos cuartos de final do CESA 2019 nun partido marcado polos erros das nosas xogadoras, tanto en defensa como en ataque. As galegas non estiveron cómodas dende o inicio. Os nervios atenazaban o seu xogo, aínda que en ningún caso lle perderon a cara ao encontro. Ao descanso perdían por tres tantos (12-15) e parecía claro que a pouco que se reafirmaran nas bases do seu xogo poderían darlle a volta ao marcador.
Pero tralo paso polos vestiarios, pouco cambio. Galicia seguía a cometer erros defensivos ata agora inexistentes, mentres que en ataque fallaban lanzamentos moi claros. Así, Asturias chegou a ter unha distancia máxima de catro tantos no minuto 16 da segunda metade. A partir de aí, as galaicas melloraron e lograron empatar o partido (24-24, min. 20), pero non lograron poñerse nunca por diante, a pesar de ter varias oportunidades para iso. A última posesión do choque foi das galegas, pero nin sequera chegaron a lanzar. Así, con empate no marcador (27-27) houbo que xogar a prórroga, e novamente os nervios foron os principais protagonistas no bando galego, que cometeu numerosos erros non forzados, o que lle deu a vitoria a Asturias. Agora hai que repoñerse e pensar xa no próximo partido.
Galicia, 30: Uxía Ferreiro, Andrea Fernández, Sandra Blanco (6), Patricia Mallo, Adriana Mallo (3), Aitana Santomé (4), Silvia Leiras, Sarai Espiñeira (7), Sandra Sánchez (1), Estela López (1), Lidia Portela, Ángela Rodríguez (7), Carme Castro, Claudia Kaulback (1), e Marta Martínez.
Mañá, Galicia-Andalucía (09:30 h). Postos do 5º ao 8º.
Cuartos de final Campionato de España xuvenil masculino. Madrid, 26 – Galicia, 22
Escapouse a clasificación para as semifinais do CESA2019 á selección galega xuvenil masculina, a pesar de facer un gran traballo fronte a Madrid. Foi un partido moi igualado, con dúas grandes seleccións. Madrid, cunha defensa excepcional, facía sufrir aos nosos lanzadores, mentres que os nosos porteiros lucíanse en fermosas paradas. Así, ao descanso un resultado moi curto (8-8).
Na segunda metade Galicia saíu aínda mellor e foi por diante no marcador durante máis de quince minutos con distancias de 2 ou 3 tantos. O equipo estaba moi concentrado e traballando en cada acción como se fora a última. Pero Madrid tamén quería as semifinais e así, no minuto 18 da segunda parte logrou o empate (18-18) e despois poñerse por diante aproveitando unha exclusión galega (19-18). E dende aí, Galicia xa non puido volver a empatar, aínda que se puxo a só un tanto aproveitando unha exclusión do conxunto madrileño (22-12, min. 26). Pero un tempo morto de Madrid foi decisivo e Galicia xa non tivo máis opcións.
Galicia, 22: Víctor Doval, Mario Chan (2), Víctor Fernández (2), Eduardo José Cousillas, Javier Iglesias (1), Xurxo Rivas (6), Gonzalo Domínguez, Juan Enrique Lago, Juan Bas, Brais González (6), Cristian Remeseiro (1), Pablo González, Samuel Barciela, Óscar Otero (1), Jacobo Río e Rubén Fernández (3).
Mañá, Andalucía- Galicia (09:30 h) na loita polos postos do 5º ao 8º.
Cuartos de final Campionato de España infantil feminino. Castela a Mancha, 26 – Galicia, 20
As minigalaicas pagaron moi caro o pésimo inicio de partido, no que Castela a Mancha logrou unha distancia imposible de remontar. Na primeira parte as galegas non estiveron atinadas no traballo defensivo e, por riba, tampouco acertaban ante a portería contraria, o que permitiu a Castela a Mancha marcharse ao descanso con nove tantos de vantaxe.
Na segunda parte, o equipo dirixido por Laura del Castillo e Yolanda Correa estivo moito máis intenso a nivel defensivo, polo que recortaron distancias no marcador, pero non bastou para loitar pola vitoria. As nosas rapazas xa pensan no seguinte encontro e en gañar.
Galicia, 20: Paula Comendador, Carmela Fontoira (4), Lucía Álvarez, Cristina González, Uxía Campos (1), Lucía Villamarín (2), Eva Rodríguez (1), Carla Vidal, Aroa Fernández (4), Blanca Rial, Sandra Alperi, Lucía Méndez (1), Itziar Molinos, Nerea Patiño (5), Nerea Arias (1) e Nuria López (1).
Na loita polos postos do 5º ao 8º, Galicia xogará contra Madrid (11:15 h)
Cuartos de final Campionato de España infantil masculino.Cataluña, 32- Galicia, 23
O soño dos nosos minigalaicos de eliminar ao favorito da competición non foi posible. Cataluña superou aos nosos rapaces que, a pesar da diferenza no marcador, loitaron por cada balón ata o final do choque. O partido comezou igualado (3-3, min. 7), pero a partir do minuto 10, Cataluña fixo unha brecha no marcador, aproveitando as recuperacións en defensa para facer contragolpes. Os seleccionadores Adrián Menduíña e Carlos Rodríguez pediron tempo morto en busca de solucións, pero cada imprecisión dos nosos convertíase nun novo tanto do rival. Así, chegamos ao descanso nove tantos abaixo (16-7).
Na segunda parte o partido estaba sentenciado e as distancias estiveron sempre entre 8 e 12 tantos, pero a pesar diso Galicia mantivo a intensidade e sacrificio ata o remate.
Galicia, 23: Hugo Pérez, Adrián Pérez del Río, Eduardo Alonso (3), Marcelo Gil (2), Miguel López, Senén Garea, Roberto Castro (3), Alexandre Gallego, Adrián Carrera (3), Ismael Fernández (3), Mateo Pallas, Martín Santos (2), Nuno Loxo (4), Pablo Fernández, Carlos Menduiña (2) e Anxo Fernández (1).
Mañá Galicia xogará contra Aragón (13:00 h) na loita polos postos do 5º ao 8º.