Redacción 14/11/2018

O obradoiro forma parte do programa de actividades socioculturais que a institución organiza ao longo do ano para usuari@se acompañantes do servizo de teleasistencia

 

A Deputación de Pontevedra organiza para este mércores14 de novembro, ás 17:30 h, un taller de estimulación da memoria para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria nos concellos de Salceda de Caselas, Tui e Salvaterra do Miño. O obradoiro terá lugar no Centro Social A Devesae asistirán as persoas usuarias, así como acompañantes, interesadas e interesados en participar no taller. Prevese a asistencia de máis de25 persoas.A iniciativa enmárcase no programa de actividades socioculturais para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria impulsado polo Goberno provincial, que se desenvolve ao longo de todo o ano en distintos municipios da provincia.

O taller da memoria que acollerá Salceda de Caselas será impartido pola actual coordinadora do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra. É diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo e conta con formación específica en Metodoloxía da Intervención Social e do Envellecemento Activo e de Saúde. 

Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 523 persoas de 45 concellos da provincia. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.

Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias, co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas, e xornadas de convivencia.

Ao longo do 2017 atendéronse un total de 4.735 alarmas (cun tempo medio de atención de 10,6 segundos e de resolución de incidencias de 1 minuto e 28 segundos) desde os terminais.

Durante o pasado ano houbo 441 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica. Amais, ao longo do ano organizáronse dous tipos diferentes de actividades, unhas, lúdicas, dirixidas as persoas usuarias do servizo de teleasistencia, que se realizaron nos concellos de  Mos, Bueu e Cambados, e, outras, actividades de difusión que tiveron lugar nos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Pazos de Borbén, Cuntis,  Barro, Cambados, Salceda de Caselas, Valga, Meis, Ribadumia, Forcarei e Sanxenxo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad