Redacción 13/11/2018

O presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, visitou hoxe a nova Escola Infantil A Galiña Azul, cuxa recente apertura virá sucecida, antes de que remate o ano, da posta en marcha doutra gardería no Polígono da Veigadaña impulsada por AEMOS

 

 

Esta mañá Mos recibiu a visita do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que percorreu as instalacións da nova Escola Infantil A Galiña Azul en A Veigadaña, acompañado pola Conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez; o Xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños; o Delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro; e demais membros do goberno local.

A Escola Infantil da Veigadaña entrou en funcionamento co inicio do presente curso escolar 2018-2019 e conta con 64 cativos nas súas aulas.

Trátase dunha Escola Infantil de seis unidades que foi cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O proxecto foi redactado e aprobado polo Concello de Mos. E con esta nova Escola Infantil “Mos convértese nun Concello de referencia a nivel autonómico no que respecta ao número de prazas de Escolas Infantís ofertadas”, segundo declaraba hoxe a rexedora local, Nidia Arévalo.

A nova Escola Infantil da Veigadaña é a terceira darede autonómica A Galiña Azul para o Concello de Mos e consta de 82 prazas.

Ademais deste novo centro na Veigadaña, a Xunta de Galicia puxo en marcha en Mos a Escola Infantil de Cototorrón, que abriu as súas portas en xuño de 2011, e a Escola Infantil da Porteliña.

A nova Escola Infantil da Veigadaña ten unha superficie útil de 600 m2, situada no núcleo rural de Veigadaña. A alcaldesa de Mos explicou neste sentido que “a necesidade dunha nova gardería era de vital importancia, dada a enorme demanda de prazas, demanda que ademais crece cada ano”.

Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construiu en Mos é do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes.

A nova Escola Infantil en A Veigadaña configúrase cunha xeometría circular, optimizando a superficie e o aproveitamento da luz solar do edificio. Para formular a disposición dos distintos elementos, realizouse un estudo das orientacións da parcela, de modo que a zona de aulas disponse na parte sur e oeste, recibindo a máxima achega solar, mentres que a zona de servizos disponse na parte norte. Dispóñense ademais diferentes espazos libres interiores para a realización de actividades de ocio.

Formúlase a utilización de sistemas de xeración de enerxía pasivos, tratando de adaptar o deseño do edificio aos estándares de sostibilidade. Xérase un espazo interior de calidade no que alumnos e profesores poden desenvolverse e gozar do proceso de aprendizaxe, unha actividade fundamental en idades tan temperás.

O proxecto foi realizado polos arquitectos Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós (que estiveron tamén presentes hoxe na vista do presidente da Xunta á Escola da Veigadaña); esta última é ademais unha novísima profesional veciña de Mos, que ven de facer unha contribución de gran relevancia ó seu Concello con esta innovadora construcción de importantísima función social.

Pola súa banda o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á implicación conxunta das asociacións empresariais, dos concellos e da Xunta para que conciliar a vida laboral e familiar sexa cada vez máis fácil, “para seguir traballando xuntos, en definitiva, polo futuro de Galicia”, aseverou.

Durante a visita á Escola Infantil A GaliñaAzul de A Veigadaña, Feijóo fixo incapé na importancia de que as empresas se impliquen tanto para investir en escolas infantís como para dar facilidades e flexibilidade ás nais e pais, e de que os concellos se impliquen para que todo aquel que queira construír unha escola infantil non atope atrancos senón todas as facilidades posibles. Nestaliña, asegurou que todos os axentes sociais atoparán sempre na Xunta un aliado cando toque falar de conciliación.

Un compromiso que se reflicte, por exemplo, na posta en funcionamento desta nova escola infantil que, cun investimento dun millón de euros, contacun total de 82 novas prazas públicas. Despois de precisar que, con esta nova infraestrutura, Mos incrementa nun 75% o número de prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos –pasando de 109 a 191-, cun cociente de cobertura do 52%, case 20 puntos por encima do óptimo recomendado pola Unión Europea, Feijóo subliñou que o concello dispón xa de tres Galiñas Azuis –Cototorrón, Porteliña e Veigadaña-, ademais dos Bonos Concilia, cos que a Xunta axuda a financiar unha praza nunha escola infantil a quen non dese accedido a unha gardería pública. “E antes de que finalice o ano, Mos disporá doutra escola infantil máis neste polígono industrial”, avanzou. Unha obra que, impulsada pola Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), contará cunha achega da Xunta de 200.000 euros ao amparo da liña de axuda para abrir escolas infantís en contornas laborais.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico aseverou que a Xunta seguirá impulsando esta liña de axudas, unha iniciativa que xa permitiu impulsar en toda Galicia tres infraestruturas deste tipo en polígonos industriais: unha no do Río do Pozo, en Narón, que xa está a funcionar; outra a de Mos, que comezará a funcionar nas próximas semanas; e unhaterceira no polígono da Tomada, na Pobra do Caramiñal, cuxa apertura está prevista para o próximo ano 2019. Feijóo aseverou que a aposta do Goberno galego no que se refire á conciliación e atención á infancia permite que hoxe a Comunidade conte con máis de 24.000 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, o dobre que en 2009, ás que se sumarán en 2019 máis prazas públicas; con 46 casas niño, que dan máis opcións ás familias dos concellos pequenos e ás que pronto se unirán outras 15; con máis fondos para a Tarxeta Benvida e o Bono Concilia; con melloras no Bono Coidado, para permitir que tamén financie o custo dunha ludoteca; e ampliando ata as 24 semanas o permiso de maternidade para as empregadas públicas, unha medida que, ademais de beneficiar a estas familias, pretende servir como referencia para as demais institucións e para o sector privado.

Por último, o presidente da Xunta afirmou tamén que Galicia incidirá na reunión convocada pola alta comisionada para o reto demográfico na necesidade de afrontar conxuntamente a mellora da tendencia demográfica, “porque está en xogo o futuro de Galicia, de España e tamén de Europa”. “Iremos a esta reunión non como oíntes, senón como a comunidade autónoma que máis recursos destina en materia de demografía, xunto co País Vasco e Madrid. E queremos que eses recursos tamén estean financiados polo Goberno central e pola Unión Europea”, dixo, asegurando que Galicia levará a esta reunión propostas de sensibilización para o Goberno central, para as empresas, para os concellos e para o conxunto da sociedade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad