Redacción 28/08/2018

Os cativos participaron en iniciativas organizadas pola administración local como unha tarde de adestramento cos membros da Unión Deportiva Mos 

  

Onte celebrouse a despedida dos nenos/as saharauis que pasaron a tempada estival no municipio de Mos grazas ao programa Vacacións en Paz promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

O acto de despedida, celebrado no Salón de Sesións do Concello de Mos, tivo lugar ás 13.00 h contando coa presencia de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Cultura e Turismo, os nenos e nenas saharauis do programa Vacacións en Paz xunto coas súas familias de acollida e demais membros da Corporación Municipal.

Este ano seis familias veciñas do Concello de Mos acolleron a estes cativos no seu seo para que pasasen os meses de verán xunto con elas. Unha delas destacaba en veteranía, xa que leva 14 anos acollendo para que nenos procedendes do Sáhara poidan gozar dunhas vacacións estivais en paz.

Dos 6 pequenos, 4 xa participaran neste programa en anteriores ocasións, e 2 (un neno e unha nena) eran novos nesta experiencia. Estes 6 nenos chegaron ás súas residencias estivais mosenses a principios do pasado mes de xullo, e regresarán ó Sáhara xunto ás súas familias a principios de setembro.

Os cativos saharauis puideron participar ao longo de todo o verán en iniciativas organizadas pola administración local, coñeceron a piscina ao aire libre de San Eleuterio, festividades municipais…, etc. Entre as iniciativas nas que participaron destacou unha marabillosa tarde de adestramento no Campo de Fútbol das Baloutas, da que puideron gozar o pasado mércores 22 de agosto os pequenos, e que, dado o éxito acadado, repetirán esta mesma tarde. Neste sentido desde o Concello de Mos exprésase o maior dos agradecementos a todos os integrantes da Union Deportiva Mos por acoller con agarimo a estes nenos facendo posible unha actividade que os fai inmensamente felices, xa que son uns grandes afecionados ao fútbol.

Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán.

Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.

Sobre este programa a edil mosense, Sara Cebreiro, declarou esta mañá que “é unha verdadeira sorte poder contar no municipio de Mos con familias que deciden involucrarse nunha causa solidaria coma esta, que trae sorrisos a nenos e nenas que verdadeiramente o necesitan”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad