Redacción 21/05/2015

Trátase dun plan baseado na estreita colaboración e coordinación entre Concello, asociacións, empresarios e Protección Civil

O programa electoral da candidata popular mosense e actual alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, é un programa centrado nas persoas e, como tal, un dos seus puntos fortes é a proposta estrela en materia de Benestar Social: o plan Mos Axuda.

Dita iniciativa, na que a administración local irá da man dos tecidos asociativo e empresarial mosenses así coma dos voluntarios de Protección Civil, foi presentada esta mañá na sede do PP de Mos, sita na parroquia de Petelos.

A esta presentación asistiron, ademais da candidata á Alcaldía, Nidia Arévalo, a candidata da parroquia de Dornelas e actual concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro; un representante das asociacións culturais mosenses, un representante das asociacións deportivas, un representante das asociacións sociais, un representante do tecido empresarial mosense e un representante da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, xunto co resto dos integrantes da lista electoral.

Mos Axuda consiste nun plan no que irán da man o Concello cos empresarios, asociacións culturais, deportivas e sociais e dos voluntarios para implementar as prestacións e servizos sociais municipais.

Mediante dito plan potenciarase o Programa de Axudas de Emerxencia Social, dotándoo de maiores recursos económicos, así como habilitando unha partida específica para as Axudas de Emerxencia Social da Infancia (lentes, axudas dentais,…).

Ademais, incluído tamén en Mos Axuda, crearase o servizo de Armario e Banco de Alimentos Municipal, brindando deste xeito o apoio ás necesidades sociais e humanas, converténdose este servizo nun referente de axuda ao cidadán en situación de desamparo. Este servizo estará moi apoiado na rede solidaria Mos Axuda, ó ser fundamental a colaboración de empresas, entidades/asociacións de carácter local, particulares, etc.

Por último, Mos Axuda contempla tamén a creación do Plan de Intervención contra a Exclusión Social, no que se convertirá á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos nun piar fundamental. Da man dos Servizos Sociais deseñarase un estudo para elaborar un mapa das carencias sociais que afectan ao contorno mosense. A partir de aí deseñarase un proxecto de intervención que dará resposta a cada unha das necesidades individuais. O éxito desta iniciativa radicará na estreita coordinación entre os Servizos Sociais e Protección Civil.

En conclusión, este plan está baseado fundamentalmente na profunda unión, apoio e colaboración entre Concello, empresarios, asociacións culturais, deportivas e sociais e voluntarios de Protección Civil en beneficio das persoas máis necesitadas da localidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad