Redacción 23/07/2023

Apoiaremos todas aquelas propostas e proxectos que sexan bos para a veciñanza de Salceda

O grupo municipal do PSdG-PSOE de Salceda de Caselas manifesta a súa total disconformidade en relación ás publicacións nas redes sociais e prensa da agrupación de electores Movemento Salceda en relación coa non aprobación da proposta do actual equipo de goberno para acordar a subida de salarios e o tipo de dedicacións.

A voceira do grupo municipal socialista Verónica Tourón afirma que ao acontecido no Pleno de organización do pasado 13 de xullo hai que realizar as seguintes puntualizacións:

– O PSdeG de Salceda de Caselas non castiga a ninguén do goberno municipal por non aprobar a proposta de salarios e dedicacións presentada por Movemento Salceda, en todo caso, hai que lembrar que os outros dous grupos que forman parte da corporación rexeitaron aprobala igualmente.

– Dita proposta non foi en ningún momento negociada nin consensuada con ningún grupo político municipal, simplemente se nos fixo chegar e como grupo municipal da corporación que somos, trasladamos á alcaldesa a nosa proposta. Unha proposta baseada en manter as retribucións da lexislatura anterior sen o aumento que propoñían, asi como a conxelación das asignacións por asistencia a órganos colexiados e a partidos políticos, modificacións que considerábamos tiña que conter a proposta do pleno para que puidera contar con noso apoio. No pleno, convocado de maneira extraordinaria urxente, toda a corporación puidemos comprobar que a proposta de MS non mudara nin unha soa coma, presentando a iniciativa sen ningún tipo de acordo con ningunha das forzas políticas. Polo tanto, non foi negociado ningún aspecto fundamental do pleno de organización política, nin sequera o relativo as competencias delegadas en Xunta de Goberno Local, punto no que a única formación que lle deu o apoio negociada no propio pleno, foi a socialista.

E si houbo ánimo de reprochar tanto no pleno, como na prensa e nas redes sociais a negativa dos tres partidos apelando ao vitimismo.

– MS debe reflexionar o porqué da negativa de todos os grupos da corporación a entrar a gobernar e o porqué de que nos primeiros pasos do seu mandato se volve a atopar cun rexeitamento unánime da súa actitude e formas por parte de todos os grupos da corporación municipal.

– Negamos as acusación de adiar deliberadamente as reunións para entorpecer o acordo da proposta de salarios e dedicacións, proposta que se achegou aos grupos municipais tarde, e que no caso do Psoe se mantivo a reunión coa portavocía despois de convocar o pleno extraordinario urxente.

– O grupo municipal socialista presentou  unha proposta seria e coherente en relación con todos os puntos do pleno de organización, aprobada por unanimidade na asamblea socialista. A proposta socialista é que se manteñan as mesmas dedicacións e retribucións sen subida de soldos da pasada lexislatura. Ao igual que non subir as nosas asignacións como partidos políticos, nin as asignacións por asistencia a órganos colexiados que nos afecta ao resto dos representantes na corporación local.

O Plan de Axuste aprobado ao final desta pasada lexislatura esixe dar exemplo á cidadanía e non se pode permitir que a proposta presentada por Movemento Salceda aumente os custes que tiña o seu grupo na pasada lexislatura co mesmo número de concelleiros nun 40%, en relación coas dedicacións e soldos dos concelleiros e concelleiras e da alcaldesa que se farán cargo do goberno. Aclarando ademais, que non deberían tampouco comparar dedicacións parciais de antaño coas exclusivas e importes que se pretenden quitar adiante. Os salarios teñen que manterse nos termos e cantidades da pasada lexislatura ao igual que as súas dedicacións deben manterse igual que estes últimos catro anos.

O PSdeG-PSOE estudará, negociará a apoiará durante esta lexislatura todas aquelas propostas e proxectos que sexan bos para a veciñanza de Salceda, xa amosamos a nosa intención de apoiar a investidura, de non gobernar e de non dar un “cheque en branco” ao novo goberno, faremos unha fiscalización en positivo e con aportacións e melloras.

Polo tanto, instamos a que a señora alcaldesa convoque á Xunta de portavoces para solventar esta situación negociando cos distintos grupos políticos cousa que non fixo con anterioridade. A política tamén é chegar a acordos polo ben da veciñanza , e a negociación non se pode vender só cara fóra, ten que ser real. Movemento Salceda ten que convocar unha xunta de portavoces para solventar esta situación e ser consciente que o seu goberno en minoría requirirá de máis diálogo, máis negociación e menos reporches e vitimismos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad