Sabela Landín 20/06/2023

No Baixo Miño benefícianse, entre 48 concellos, o de A Guarda para mellorar o lavadoiro de Pintán, O Rosal, para para sinalar a ponte do Tamuxe e tres retablos de petos de ánimas, e Tomiño, para a rehabilitación do lavadoiro da Portela

O departamento de Patrimonio da Deputación vai repartir 390.948 euros en axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 48 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.

Na comarca do Baixo Miño beneficiaranse o concello da Guarda, con 5.110 euros para a limpeza e acondicionamento do lavadoiro de Pintán; o concello do Rosal, 6.636 euros,para a sinalización da ponte do río Tamuxe e de tres retablos de petos de ánimas;e o concello de Tomiño, con 16.281 euros, para a rehabilitación do lavadoiro da Portela en Sobrada.

Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega,  desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.

Nesta edición o valor das subvencións aumentouse en 100.000 euros con respecto ao ano pasado, debido ao alto número de solicitudes. Entre os gastos subvencionables, a liña de axudas inclúe obras de conservación que teñan como obxectivo manter as características e os materiais orixinais do inmoble patrimonial; obras de restauración que teñan por obxecto a restitución ou a mellora da imaxe e a unidade do ben; obras de sinalización dos bens inmobles dos concellos no ámbito territorial da provincia de Pontevedra e estudos museográficos ou arqueolóxicos, coa información previa ao seu deseño, que sexan necesarios para elaborar os sinais; proxectos técnicos oficiais ou colexiados das actuacións que se leven a cabo; deseño e instalación de paneis informativos ; e gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos sobre os bens patrimoniais para a elaboración de paneis que recollan información precisa e veraz.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo e, ao mesmo tempo, harmonizar coa contorna. Os textos incorporados eberán redactarse obrigatoriamente en lingua galega, de maneira ordenada e clara, e serán validados por Servizos Lingüísticos da Deputación. No caso de que exista sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade municipal, esta deberá quitarse antes de colocar a nova.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad