Sabela Landín 05/04/2023

Mos habilita 1.250 metros cadrados como aparcadoiro para ampliar o espazo de estacionamento en Puxeiros

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, informaron de que xa se pode aparcar na parcela alugada polo Concello para habilitala como aparcadoiro en Puxeiros.

Desde hoxe os vehículos xa poden estacionar no terreo cuxo expediente de contratatación, para o devandito aluguer da parcela para estacionamento na zona de Puxeiros (Avenida do Rebullón), aprobouse en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, de data 29 de marzo.

O aluguer, de contratación directa, de parcela para estacionamento de vehículos no Rebullón, parroquia de Tameiga, conta con expediente, no que consta informe de necesidade xustificativo.

A parcela alugada ten unha superficie útil de 1.250 m2. A administración local aboará unha cantidade mensual en concepto de aluguer. Para o gasto anual do alugueiro o Concello conta co crédito do importe total contemplado e reservado no orzamento vixente de gastos de 2023.

A renda aboarase por anualidade vencida, previa presentación e tramitación da factura correspondente, mediante ingreso na conta corrente que indique a arrendadora.

Á vista da ubicación da parcela que se pretende alugar e a súa proximidade á Avenida de Puxeiros, onde se concentra o problema do estacionamento de vehículos, tendo en conta as condicións esixidas no expediente respecto da superficie necesaria para o estacionamento, acceso rodado a vía pública e orografía plana, así como a dispoñibilidade dos propietarios para alugar esta parcela por debaixo dos prezos de aluguer da zona, atendendo á valoración dos Servizos Técnicos, decídese alugar por parte do Concello para habilitala como aparcadoiro público gratuíto. Fin para a que se atopa aberta dende hoxe.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad