Sabela Landín 09/02/2023

A iniciativa leva por título ‘Compartindo experiencias de vida’ e inclúe actividades como faladoiros, exercicios físicos na casa, musicoterapia ou ensinanza de instrumentos tradicionais

Unha vintena de entidades locais e de acción voluntaria  de toda Galicia participan coas súas propostas neste novidoso programa, que abrangue ámbitos como a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio ou o turismo, entre outros

A Xunta de Galicia impulsa, da man do Concello de Mos, un programa de voluntariado interxeracional centrado na atención ás persoas maiores do municipio. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga Alzheimer, animaron hoxe á participación da veciñanza nesta iniciativa, que leva por título ‘Compartindo experiencias de vida. Sinerxia Xeracional’. Na presentación participaron maiores do municipio que son moi activos participando en iniciativas que organiza o Concello como os programas ‘Tempo de Lecer’, ‘Tempo de Excursións’, ‘Exercítate’, ‘Cultiva a túa mente’, cursos sobre uso de novas tecnoloxías… e mozos alumnos do Colegio Lar que están a cursar o Ciclo Formativo en Atención Sociosanitaria. Ambas xeracións amosáronse moi interesadas en formar parte deste programa de voluntariado interxeracional e manifestaron a súa intención de inscribirse e participar nel.

Este proxecto, que hoxe se presentou, contempla a realización dun amplo programa de actividades nas que xente nova e persoas maiores compartirán experiencias. Entre as accións que se levarán a cabo, salientan os faladoiros, lectura, exercicios físicos na casa, musicoterapia, actividades lúdicas ou ensinanza de instrumentos tradicionais. O obxectivo desta proposta é que as mozas e mozos se impliquen no coidado e atención aos veciños de máis idade desta localidade pontevedresa.

O Concello de Mos é unha da vintena de entidades locais e de acción voluntaria que desenvolven proxectos a través da primeira edición do programa de voluntariado interxeracional no rural posto en marcha polo Goberno galego. A través de experiencias como a que se levará a cabo en Mos quérese favorecer a formación e intercambios de coñecementos entre os maiores e a mocidade.

Oportunidades

Neste sentido, a directora xeral de Xuventude destacou que a finalidade é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais para a mocidade. Así, explicou que o voluntariado interxeracional permite conxugar o talento e a experiencia das persoas maiores coas inquedanzas e curiosidades da xente nova.

Trátase de que as  persoas de máis de 55 anos compartan a súa experiencia en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio e o turismo con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Estes poderán devolver este coñecemento achegando á xente maior nocións en modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outros.

Titorización

O programa de voluntariado interxeracional conta cun orzamento de 760.000 euros, púxose en marcha a finais do ano pasado e continuará durante 2023, principalmente en lugares do medio rural. Esta novidosa proposta está dirixida a entidades de acción voluntaria, tanto locais como asociativas. Todos os proxectos están integrados por grupos interxeracionais e funcionan por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargase de titorizar a un mozo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad