As persoas voluntarias empregaron 2.475 horas en atender as distintas incidencias ou eventos para os que foron requiridos.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui realizou en 2022 un total de 304 servizos nos que as persoas voluntarias da asociación empregaron 2.475 horas.
En concreto ao longo do ano pasado Protección Civil de Tui interveu en 82 accidentes de tráfico e en 7 accidentes laborais. Os e as voluntarias asistiron a 37 eventos culturais e 31 eventos deportivos. Tamén foron requiridos en 16 incendios urbanos e en 6 incendios forestais. En 21 ocasións acudiron a retirar árbores caídos, e en 22 ante a presenza de animais soltos. Por outra parte os membros de Protección Civil actuaron en 24 servizos sanitarios, e realizaron 58 servizos varios coma limpezas de manchas de aceite, derrubo de fachadas ou ante a presenza de balsas de auga nas estradas.
Protección Civil conta na actualidade con 20 persoas que realizan o seu labor de forma voluntaria e altruísta. Esta mesma semana se incorporarán coma aspirantes tres persoas máis. Os e as voluntarias no momento de ingreso na agrupación realizan un curso básico, e van ampliando a súa formación con cursos de especialización en incendios urbanos e forestais, accidentes en estrada, desfibrilación semiautomática, coordinación operativa de plans de emerxencia ou en igualdade, entre outros. Ao longo do ano pasado, ao abeiro das distintas axudas convocadas para este tipo de agrupacións, Protección Civil incorporou ao seu parque móbil un novo vehículo tipo pick up, unha motocicleta e un remolque con material para actuar nas súas intervencións.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa o seu agradecemento ás persoas integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui “pola súa dedicación e esforzo incansable ao longo do ano, actuando en todas aquelas ocasións nas que son requiridos, tanto en eventos culturais e deportivos, coma nas incidencias que se rexistran no termo municipal”. Destaca tamén o alcalde o seu labor solidario citando o concerto que organizaron en decembro no Teatro Municipal no que recolleron 3.400 quilos de alimentos para SOS Tomiño Baixo Miño.
O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, salienta coma os e as voluntarias de Protección Civil de Tui “están sempre dispostos a axudar en situacións de emerxencia” agradecéndolles “a súa dedicación desinteresada e altruísta”, e destacando o seu papel cando se producen accidentes ou incidencias que requiren dunha actuación inmediata.