Sthela Táboas 07/02/2023

A superficie de actuación suma 2.280 m2 de parques infantís, dos que sete atópanse no casco urbano e catro en parroquias

O Concello do Porriño, tras anunciar en decembro do 2021 tras a súa chegada ao goberno local que a principios de ano do 2022 “trataremos de destinar un orzamento para mellorar os parques infantís do Porriño, cunhas instalacións acordes ao século que vivimos”, presenta agora un proxecto construtivo de mellora dos espazos de lecer para os máis cativos a través do cal se actuará en once parques.

As actuacións suporán unha inversión de máis de 228.000 nunha superficie total de 2.280 m2, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que están en fase de licitación con prazos de execución en seis meses.

“Somos conscientes de que a gran parte das 38 áreas de xogo infantís que están distribuídas por todo o termo municipal precisan ser acondicionadas, algunhas delas presentan un estado nefasto e lamentable, e así o faremos. Creáronse novos espazos como o da Praza da Alameda e anunciamos a reconversión doutros como o Parque Infantil na zona do antigo Campo da Feira, e agora con esta nova achega imos mellorar sete parques do casco urbano e outros catro en parroquias”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo.

Os sete parques do centro da vila nos que se acometerán limpezas, melloras e reparacións son o do Cristo, o do Matadoiro, o de Fontevella (Pío XXII), o do Camiño do Cando (fronte á Igrexa), o da urbanización O Sol, o de Lamazares e o do Campo da Feira. As actuacións a levar a cabo céntranse principalmente na reparación dos pavimentos coa colocación de céspede sintético en cinco deles, o arranxo de diferentes elementos ou partes destes (tobogáns, columpios, balancíns….) algúns dos cales serán substituídos por outros novos; axuste e fixación de pezas e elementos; limpeza e preparación de distintas superficies para posterior aplicación de pintura e verniz protector.

En Torneiros actuarase en dous parques, no da fase II e no da fase III, onde se acometerán reparacións e limpezas de diferentes elementos de xogo, así como o reemprazo de pezas novas, e a maiores tamén se arranxarán bancos. Ademais, no primeiro deles substituirase o actual pavimento coa colocación dunha capa de area, e no segundo, será preciso toda a retirada do pavimento existente e a disposición dun novo con instalación de céspede sintético.

Os outros dos parques que completan a listaxe son o da Escola Unitaria e o de San Diego, en Mosende. No da escola levarase a cabo unha posta a punto e posterior recolocación dos elementos de xogo, colocarase unha capa de area e procederase á retirada do peche perimetral para a instalación dun novo. No outro, ademais da reparación e limpeza das diferentes estruturas, demolición e substitución do pavimento.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad