O Concello inicia o ano con débeda cero na taxa pola montaxe de postos
Un total de 128 vendedores e vendedoras ambulantes solicitaron a renovación da autorización dos seus postos no Mercado semanal dos xoves en Tui. O pasado día 10 de xaneiro rematou o prazo para realizar esta solicitude que arestora está en tramitación. Das 128 solicitudes rexistradas 27 corresponden a postos de alimentación.
O Mercado semanal en Tui celébrase os xoves pola mañá na rúa Mártires de Sobredo, situada entre a rúa Casal Aboy e a Avenida da Concordia. Os postos que montan cada xoves ofertan ampla variedade de roupa, calzado, complementos, enxoval, alimentación, florería,…
Por outra parte dende o Concello de Tui saliéntase que o mercado municipal inicia o ano con débeda cero no correspondente ao pago das taxas por instalación de postos. Dende a concellería de Comercio e Mercados amosan a súa satisfacción pola xestión realizada, que permitiu estes resultados, ao tempo que trasladan o seu agradecemento ao persoal municipal polo traballo levado a cabo tanto parte do departamento de Tesourería, Secretaría coma da Policía Local. Ese traballo permitiu regularizar a situación de todos os postos do mercado tudense que na última década acumulou débedas importante por impago que chegou a sumar máis de 15 mil euros, e que dende 2019 se reduciu até chegar á actual situación. Así en 2019 a débeda superaba a 4.500 euros, cifra que en 2020 baixou a mil euros, en 2021 non se pasou a taxa ao cobro debido á pandemira, e o 2022 rematou con 542 euros pendentes de cobro, correspondentes a tres persoas vendedoras cuxa autorización de montaxe vén de ser revogada.