Sabela Landín 26/01/2023

No conxunto de Galicia, entre as dúas convocatorias xa resoltas, o programa está a levar a conexión a internet de alta velocidade a 226.725 fogares e empresas con 71,2 M de euros de investimento

UNICO-Banda Ancha diríxese a dotar dunha taxa de cobertura de moi altas capacidades ao 100% da poboación española en 2025

A secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González Veracruz, e o delegado do goberno en Galicia, José Miñones, mantiveron esta tarde unha reunión coa presidenta da Deputación de Pontevedra e con case un cento de alcaldes, alcaldesas e outros cargos municipais de concellos da provincia para presentarlles os plans do Goberno para a extensión de fibra óptica no territorio. No encontro, ao que tamén asistiu a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, deuse a coñecer o impacto dos investimentos en dixitalización que está a executar o Goberno a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, nestes concellos.

Esta acción forma parte do Programa UNICO-Banda Ancha, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno e permitirá que nas dúas primeiras convocatorias (2021 e 2022) se conecten a internet de alta velocidade 40.289 fogares e empresas da provincia cun investimento global de 16.166.245 euros dos que o Goberno aporta 11.116.777.

No conxunto de Galicia, entre as dúas convocatorias xa resoltas, o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Ancha está a levar a conexión a internet de alta velocidade a 226.725 fogares e empresas cun investimento global de 107.136.930 euros, dos que o Goberno aporta 71.262.165 euros.

UNICO-Banda Ancha diríxese a dotar dunha taxa de cobertura de moi altas capacidades ao 100% da poboación española en 2025. Unha vez se executen os proxectos beneficiarios xa postos en marcha, a taxa de cobertura alcanzará o 95%.

Ata o momento lanzáronse dúas convocatorias deste programa (en 2021 e 2022). A de 2021 foi adxudicada integramente a Telefónica en Galicia. A de 2022, ás empresas Vento Rede (para a provincia da Coruña), Adamo Telecom (para a provincia de Lugo) e Avatel Telecom (para as provincias de Ourense e Pontevedra).

Con estas axudas, dende 2018 o Goberno mobilizou máis de 1.500 millóns de euros de investimento público-privado para levar conexións de banda ancha ultra rápida a máis de catro millóns de fogares e empresas.

No caso de Galicia, como na maior parte do territorio estatal, os fogares e empresas beneficiados atópanse en ‘zonas brancas’, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos.

A conectividade é un elemento básico para garantir a supervivencia dos pequenos concellos; é unha arma contra o despoboamento. Porén, o Goberno de Pedro Sánchez están dando o paso para garantir o 100% de cobertura de acceso a internet de alta velocidade en todo o territorio galego, favorecendo a conectividade a máis de 300 Mbps naquelas zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad