A Oficina Municipal de Turismo recibirá o distintivo en marzo na Gala de Turismo que organiza a Deputación
A Oficina de Turismo do Concello de Tui vén de recibir, hai escasos días, a comunicación oficial da concesión do distintivo de “Compromiso de calidade turística”, un recoñecemento que forma parte do Sistema de Calidad Turística Española e que significa a adhesión deste servizo turístico municipal ao Sistema integral de Calidad Turistica Española en Destino -SICTED-.
SICTED é unha iniciativa da Secretaria de Estado de Turismo para promover destinos turísticos máis competitivos e sostibles, mediante unha oferta de produtos e servizos (tanto públicos como privados) de calidade que satisfagan as expectativas dos nosos turistas.
A concesión desta distinción recoñece a xestión integral e permanente desta Oficina Municipal de Turismo enfocada na mellora continua e na posta en valor dos seus recursos mediante a aplicación de manuais de boas prácticas.
O recoñecemento oficial do distintivo Sicted realizarase na próxima gala de Turismo que no mes de marzo organiza a Deputación Provincial de Pontevedra.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, mostra a súa satisfacción pola concesión deste distintivo que recoñece o importante traballo que o Concello de Tui ven desenvolvendo en materia turística e que ten a súa principal expresión na nova localización da Oficina Municipal de Turismo no céntrico Paseo da Corredoira, cun amplo espazo dotado dos medios e recursos necesarios para ofrecer aos visitantes, tanto turistas como peregrinos, a información necesaria para a súa estadía na nosa cidade.
Agora esta acreditación SICTED garante que o traballo que se desenvolve neste servizo municipal responde aos parámetros de calidade turística en destino que promove a Secretaria de Estado de Turismo. O rexedor tudense resalta que por vez primeira este servizo municipal acada esta certificación, completando así o compromiso municipal por promover a calidade e a excelencia neste sector, vital para o desenvolvemento socio-económico do noso municipio. Enrique Cabaleiro agarda que esta acreditación SICTED da Oficina Municipal de Turismo actúe como un efecto tractor sobre os axentes turísticos da cidade para sumarse a este Sistema de CalidadTurística en Destino.
Este esforzo conxunto do sector público-privado, está coordinado na nosa provincia pola Deputación de Pontevedra e está a permitir consolidar á provincia como líder estatal en canto a entidades distinguidas polo SICTED tendo xa conseguido converterse no ano 2022 no “mellor destino SICTED” do conxunto do Estado.
Compre salientar que neste compromiso coa calidade no noso municipio son xa una decena de establecementos os que contan co certificado SICTED de calidade turística. Trátase de A Fada do Aloia, Balneario de Caldelas, Hotel do Balneario de Caldelas, Casa das Trabancas, Casa Rectoral Areas, Hotel Alfonso I, Ideas Peregrinas, Parador de Tui, Porta da Pía Artesanía e Tui taxi Carlos Rico.