Esixen novamente a dimisión de axentes e do xefe da Policía Local dadas “as temerarias proezas destes heroes, son producto da manipulación, da mentira infame, da terxiversación e do abuso publicitario”
O Comité Antifascista da Louriña, dado o último suceso polémico protagonizado pola Policía local do Porriño, comeza o seu escrito de xeito irónico dicindo que “veciñ@s do Porriño deberían solicitar a concesión da medalla de ouro ao mérito cidadán ao corpo de Policía Local, por tanta paixón e heroicidade no cumprimento do seu deber, perante a súa valentía gloriosa”.
Respecto desta actuación policial “destes semideuses trileiros” explican que o que fixeron “foi mentir infundindo medo a nai dun bebé con síntomas de hipotermia, mentirlle sobre o seu estado e protagonizar un traslado que a xefa do servizo de saúde considerou innecesario. Mentiron sobre o equipamento da ambulancia para colgarse unha medalla aproveitando un feito desafortunado, obrigando ao responsable das ambulancias a contradicir o publicado”.
“O grave deste asunto” puntualizan “é que novamente foi o xefe da Policía local, Daniel Rodríguez, o protagonista desta farsa mentireira. Fixo uso da falacia e o embuste para branquear o máis que cuestionado corpo policial”.
Para a agrupación da Lourinha “aproveitar unha desgraza ou accidente para autoproclamarse héroe do pobo, servidor público exemplar e colgarse premas de paladín ao que parabenizar é dunha miseria moral inaceptable. Se por encima, emprega mentiras para manipular a familiares e afectados, esixir a dimisión é un acto de responsabilidade que se debe reivindicar, máis non somente por estes feitos”.
Deste xeito, o comité fai un resumo:
“Falamos dun mando que cobra máis que o alcalde, que fai uso dun vehículo oficial para cuestións persoais e que é responsble do comportamento antidemocrático dos seus subordinados; aos cales estamos fartos de aturarlles a súa conducta prepotente, faltos de educación cívica e que protagonizan abusos de poder”.
“Temos unha institución pública que factura horas extras e gardas estando cómodamente instalados no sofá da casa, e na que no seu interior, campan elementos reaccionarios aos que non se lles debería facer entrega de responsabilidades que hai que exercer con disciplina, ética e moral de servizo público”.
“Tamén sabemos que empregan o uniforme para a persecución política e sinalamento, para sancionar, máis non nos van amedrentar, e seguiremos a denunciar estes comportamentos rastreiros, vergoñentos, propios de mafiosos con placa”. Para rematar, o Comité Antifascista da Lourinha “ante esta nova infamia, esixe novamente a dimisión e depuración dos axentes como o xefe do corpo policial, Daniel Rodríguez, responsables deste tipo de prácticas”.