EU SON exporá á veciñanza o estudo íntegro de implantación en Torneiros
O grupo municipal EU SON do Porriño – Esquerda Unida convoca unha asemblea urxente para este domingo 11 de decembro co fin de dar a coñecer e poñer a disposición de toda a veciñanza o contido do estudo de implantación do centro de servizos ao transporte do CZFV en Torneiros. Celebrarase ás 11.30 h. na Asociación VV. San Salvador de
Torneiros.
Ante a negativa inicial e as reticencias amosadas polo Delegado do Estado para o Consorcio da Zona Franca de Vigo – D. David Regades, EU Son veuse na obriga de ter que solicitar o 8 de xullo, a través da súa voceira Patricia Sío Bacelo, a documentación polo Portal da Transparencia da Administración Xeral do Estado. Finalmente o acceso deuse o día 1 deste mes de decembro.
Tras meses de informacións contraditorias e falta de transparencia por parte do Consorcio, EU Son considera que esta documentación debe coñecerse na súa integridade. Veciños e veciñas deben saber por que se elixiu Torneiros para esta megainfraestrutra, a extensión prevista, que fincas e vivendas se prevén expropiar e os prazos para a solicitude da
declaración como Proxecto de Interese Autonómico.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo non renunciou en ningún momento a este proxecto e da lectura do cronograma recollido na estudo, o seu lanzamento estaría a tempo para o vindeiro ano.