A asociación Covelo Natural convida a participar nas actividades para escolares, saídas didácticas guiadas, obradoiros gastronómicos, degustacións, charlas e proxección de documentais completan a programación desta nova edición
As XXVIII Xornadas Micolóxicas e Ambientais organizadas pola Asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea Covelo Natural, teñen coma obxectivo “dar a coñecer a riqueza micolóxica que agocha o noso concello”, e celebraranse dende o mércores 16 de novembro ao sábado 3 de decembro.
Un ano máis volverán a amosar ao alumnado do CEIP Antonio Blanco a riqueza micolóxica do concello cunha charla didáctica e saída guiada na que recollerán cogumelos para clasificalos. Ademais participarán na exposición micolóxica e no concurso fotográfico escolar. A actividade será o mércores 16 de novembro.
O sábado 19 de novembro terá lugar a mañá de charla e ruta e a tarde de micogastronomía e degustación. A partir das 10.00 h as persoas participantes recibirán coñecementos para a identificación das variedades máis frecuentes na comarca e ás 11.00 h sairán de ruta para rematar expondo as pezas recollidas. Manuel Garea Castro. e Alfonso Rey Pazos serán os encargados de guiar ás e aos participantes. Ás 20:30 h prepararase, no bar O Buraco da Praza Mestre Cerviño de Covelo,o tapeo/degustación micolóxica.
A última actividade terá lugar o sábado 3 de decembro, no que ás 10.00 h terá lugar a saída micolóxica guiada e posterior exposición das variedades atopadas. A actividade estará guiada por MycoGalicia Plantae. Ás 17.00 h no auditorio municipal de Covelo poderase visitar a exposición fotográfica, ademais ofrecerase unha charla sobre “Normativa de aproveitamento e xestión de coutos micolóxicos”, tamén se proxectará o documental sobre o papel ecolóxico dos fungos. Ás 20:30 h celebrarase o obradoiro de micogastronomía, con tapeo/degustación micolóxica e música en vivo no restaurante Lemos, do barrio da Ermida en Covelo.
As saídas estarán limitadas a 20 persoas por ruta, polo que @s interesad@s en participar poden inscribirse no nº de teléfono 686 621 991, tanto para as saídas como para o resto das actividades nas que non hai límite de participantes.
Estas xornadas contan co apoio do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra e serán de balde, agás as degustacións que terán un prezo de 5 € para sufragar os custos de elaboración.