Algunhas destas emendas son xa históricas como as correspondentes a Vías e Obras, outras pertencen aos eidos da educación, benestar social, deporte e saneamento
O PSdeG de Salceda presentou, xunto coa parlamentaria Paloma Castro Rey, que se achegou no día de hoxe ata o concello de Salceda, as súas emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia do exercicio 2023. Un ano máis a percepción da agrupación socialista e da súa secretaria xeral e alcaldesa, Verónica Tourón, é que Salceda a pesar de que conta cunha partida orzamentaria para o IES Pedras Rubias, continúa tendo necesidades moi amplas que non son recollidas nos mesmos.
Esta reclamación á Xunta de Galicia, en forma de emendas adquire aínda máis relevancia sendo Salceda una poboación cos indicadores demográficos máis dinámicos de Galicia, que revelan a importancia de realizar investimentos dotacionais para poder prestar servizos á veciñanza salcedense, ante a capacidade orzamentaria limitada coa que contan os concellos.
Do conxunto de emendas que se van presentar ao orzamento da Xunta, moitas delas son históricas e demandadas polo PSdeG de Salceda durante varios anos de forma consecutiva, como a realización completa do enlace coa estrada PO-511, na parroquia de San Xurxo e a súa iluminación; a realización da rotonda da Lagoela; ou a urbanización da zona da Tabernanova, na parroquia de Soutelo.
Nas emendas presentadas no eido da educación, a agrupación socialista local céntrase na solicitude do proxecto dun novo colexio de primaria; a construcción do comedor escolar para o CEP Altamira; unha segunda Galiña Azul; ou a construcción dun patio cuberto con canalización para augas pluviais no CRA Raíña Aragonta.
No eido do coidado das persoas maiores trasládouse a emenda de investimentos para a construcción dun Centro de Día para Salceda, para o que hai unha subvención solicitada.
Na área de deporte o PSdeG-PSOE de Salceda reclama as demandas acordadas no Consello sectorial do Deporte, que forma parte do Consello de Participación Veciñal de Salceda, solicitando dúas actuacións prioritarias relacionadas co campo municipal da Gándara e co Pavillón Polideportivo Municipal.
No tocante a investimentos, o grupo municipal socialista os demanda para a execución dos proxectos de saneamento integral das parroquias de Soutelo e Entenza.
A secretaria xeral socialista de Salceda, Verónica Tourón, subliña a importancia de “sinalar con detalle aquelas carencias dos orzamentos que provocan a falla de investimentos esenciais, por parte da Xunta de Galicia en Salceda de Caselas, e materializalas en emendas para que poidan ser tidas en conta e mellorar así a calidade de vida da veciñanza.”
Pola súa banda, a parlamentaria do PSdeG Paloma Castro sinalou que “é de vital importancia que as nosas agrupacións locais realicen un exercicio de control dos orzamentos autonómicos, para reclamar a través das emendas, que a Xunta de Galicia atenda ás demandas de investimento máis importantes nos seus respectivos concellos”.