Sthela Táboas 13/10/2022

Logo de esquecerse de mencionar de onde proveñen os fondos para a inversión de 15,7 millóns no Porriño, David Alonso esíxelle á Xunta que “como mínimo teña a decencia de cumprir o compromiso de investir 3 millóns de euros na descontaminación de lindano na estrada do Contrasto”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE do Porriño, David Alonso Bargiela, cualificou como “insultante” a recente visita institucional da Xunta na que se prometeu un investimento de 15,7 millóns de euros ata o próximo mes de decembro, unha cifra ridícula se temos en conta que a débeda histórica en inversións da Xunta de Galicia no Porriño dende o ano 2009 -ano no que entrou a gobernar a Administración Autonómica Alberto Núñez Feijoo- ascenda xa aos 160 millóns de euros.

Os delegados territoriais de Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Luis López respectivamente, visitaron o pasado luns O Porriño e informaron ao alcalde, Alejadro Lorenzo das vindeiras actuacións na vila. Os delegados territoriais destacaron, como principais actuacións en marcha ou inminentes, a ampliación do centro de saúde, o Centro de Fabricación Avanzada da Automoción, as reformas en catro centros educativos, as novas sendas peonís nas estradas PO-407, PO-510 e PO-329, o obradoiro de emprego e as accións sociais cun investimento total de 15,7 millóns de euros.

David Alonso pregúntase “en que caixón quedaron os 3 millóns comprometidos hai ben pouco para a descontaminación do lindano na estrada do Contrasto e que se ía adxudicar antes de finais de ano. Vendéronnos unha ampliación do Centro de Saúde que tiña que estar xa inaugurada en 2010, un centro avanzado de automoción que se paga cos fondos NextGeneration -que capta o Estado mentres a Xunta cruza os brazos- e unhas obras nuns colexios e un instituto obsoleto, neste último pódese ver o cartel da inversión de 1.000.000 € dos Fondos Next Generation (que dende o PP bloquearon e denunciaron nos Xulgados) tamén procedentes de fondos europeos xestionados polo Goberno de España. Ademais diso tres sendas peonís de regalo, con forte tufo electoral, como se a seguridade viaria dependera das eleccións de turno”.

O secretario xeral local engade que mesmo “as migallas que nos anuncian a bombo e platillo para o Servizo de Axuda no Fogar, a RISGA, as prazas de atención ao Alzhéimer ou o Plan Concertado teñen orixe nos fondos estatais para atención á dependencia, uns fondos estatais que creceron con Pedro Sánchez un 150% con respecto á partida escuálida que deixou Mariano Rajoy”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad