Dirixida aos mosenses maiores de 85 anos, acompañarase aos solicitantes a poñer a 4ª dose da vacina da COVID-19, incluíndo transporte e asistencia persoal gratuitos
O Concello de Mos pon en marcha a campaña “Acompañámoste a vacinar” dirixida aos maiores de 85 anos mosenses que, dende hoxe 7 de outubro, comezarán a ser vacinados da 4ª dose para a COVID-19.
Mediante esta campaña ofréceselles aos beneficiarios a oportunidade de solicitar o servizo de acompañamento e transporte aos centros de vacinación. Trátase dun servizo totalmente gratuito que inclúe transporte ida e volta con recollida no domicilio e asistencia persoal.
As persoas interesadas en solicitalo poden chamar de luns a venres en horario de 09.00 h a 14.00 h ao teléfono 986 33 94 04.
A alcaldesa de Mos declarou sobre esta iniciativa que “sempre quixemos estar ao carón dos nosos maiores antes da pandemia, moi especialmente durante os tempos máis duros da crise sanitaria, e agora queremos seguir estando porque o merecen, porque a eles lles debemos ser o Mos que somos hoxe; por iso queremos que sempre se sintan acompañados, e neste momento da 4ª dose da vacina da COVID tamén”.