O Concello de Salceda de Caselas asinou este mércores os convenios de colaboración coas asociacións co que percibirán 126.751,40€ que servirán para axudar aos colectivos a sufragar os seus gastos de funcionamento e actividades. O acto de sinatura celebrouse no Auditorio Municipal e contou coa presenza da Alcaldesa Verónica Tourón, a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira e o Concelleiro de Cultura e Asociacionismo Álex Rodríguez.
Nos máis de 126.000 euros que se destinan, asináronse convenios cos centros culturais (900 €), os coros (700 €), as asociacións de veciños (400 €), os entroidos do Castro Barreiro e da Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Xubiladas e Pensionistas (3.000 €). No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.
Tamén reciben axudas por segundo ano a Escola de Fútbol Dénis Suárez e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAGA) con 15.000€, A asociación de Persoas Voluntarias de Protección Civil con 1.500€, a Asociación de Comerciantes e Industriais e a Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista TrezeCatorze con 900€ e a Asociación de Mulleres Rurais Caselas 400,00€.
As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 persoas de tódalas idades, e as Escolas Deportivas, con cerca de 500 participantes. Considérase tamén fundamental o apoio ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos reciben tamén unha aportación municipal.
Os convenios supoñen un importante esforzo financeiro, mais o Concello considera estratéxico continuar apostando polo tecido asociativo, que tanto dinamismo ofrece durante todo o ano, tanto na vila como nas parroquias. Este ano ademais, é un ano moi importante, xa que as asociacións retornaron ás súas actividades habituais logo do parón obrigado pola pandemia da COVID 19.
O concello colabora ademais durante todo o ano coas diferentes asociacións con préstamo de material, cartelería, doazóns para os centros culturais, asesoramento e información nos trámites con outras administracións, etc.
Álex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Asociacionismo: “Dende o Concello mantemos a nosa aposta polo asociacionismo nos diferentes eidos, sendo conscientes da importancia destas entidades no dinamismo da nosa vila e das nosas parroquias, máis se cabe nesta volta a normalidade logo das restricións impostas pola pandemia”