Sthela Táboas 18/06/2022

A planificación para a acometida integral da rede pública de saneamento no municipio require dunha inversión de máis 14 M€

O alcalde do Porriño, M. Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Vías e Obras e Urbanismo, Ramón Porto e Antía Carrera respectivamente, presentaron no salón de Plenos  do Concello os resultados do estudo no que o Consorcio de Augas do Louro recolle o estado actual da rede de saneamento en todo o termo municipal. Un Plan Director en base ao cal se elaborará a planificación técnica, financieira e temporal para a acometida integral da rede pública.

A planificación encargada polo Goberno Municipal determina con exactitude os tramos e actuacións pendentes de executar en cada unha das parroquias, así como a súa extensión, o número de vivendas sen conexión e orzamento necesario para executala.

Lorenzo explicou  que actualmente faltarían por acometer algo máis de 91,1 km – 11,4 km en Atios, 16,6 km en Budiño, 7,1 km en Cans, 13 km en Chenlo,  20,8 km en Pontellas, 11,8 km Mosende, 3,6 km en  O Porriño, 6,4 km en Torneiros- que darían  servizo a un total de 1.611 vivendas que non contan con conexión a saneamento, tendo que recurrir a sistemas individuais.

Todo este Plan Director supón un custe total de 14.064.036 €, algo moi difícil de acadar, polo que de momento hai que conseguir a financiación. Deste xeito o rexidor anunciou que levará ao pleno da corporación a dotación dunha partida de 500.000 € para a elaboración dos proxectos de obra e solicitará ao Consorcio de augas do Louro que se inicie unha operación de crédito, que permita costear parte do montante total da execución, así como a financiación por parte das restantes administracións.

Dende o Concello, destacan a diferenza entre as inversións que farían falla para completar o saneamento, entre O Porriño e os restantes concellos que forman parte do Consorcio de Augas do Louro; así en Salceda completar o saneamento requeriría unha inversión de 7.347.246 €, en Tui 2.059.636 € e en Mos 1.478.914 €.

O rexedor adiantou tamén que levará a pleno unha operación de crédito negociada co resto dos grupos da corporación de máis de 5 M de euros, para financiar con fondos propios obras de execución de saneamento, o soterramento da liña férrea e a construción de vivenda de protección oficial e dotacións.

Ao non poder cubrir as necesidades de saneamento de todas as vivendas, o alcalde informou da reclamación trasladada ao Consorcio de Augas do Louro, do que é o presidente, para a modificación da ordenanza que permita rebaixar a taxa polo baleirado das fosas sépticas, que está obrigada a pagar a veciñanza que non dispón de conexión á rede.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad