O cambio desta delimitación, que permitirá a construción de empresas, espazos comerciais e vivendas, está sometido a información pública tras a súa aprobación provisional
O Concello de Tui considera de vital importancia o cambio na delimitación como tramo urbano da N-551 en Areas o que convertera este treito de estrada en zona urbana, e permitirá o crecemento do municipio nesta zona coa construción de empresas, espazos comercias e vivendas ao reducirse de 50 a 25 m a afección.
Arestora, e por un período de 30 días, está sometida a información pública a resolución do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana pola que se aproba provisionalmente o “Estudo de delimitación de tramo urbano e modificación da liña de límite de edificación na N-551 entre os pp.kk. 0+150 a 1+900” en Tui.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que é “una noticia importante, porque nos vai permitir viabilizar en todo ese tramo de estrada actuacións de ámbito urbano que doutro xeito non poderiamos levar a cabo”. Engade o mandatario que “de aprobarse definitivamente suporá que a afección neste tramo urbano da estrada pasará dos 50 metros actuais a 25, co que se viabilizarán posibles construcións de vivendas, negocios ou superficies comerciais, que até o de agora non era posible executar”.
O rexedor tudense explica que foi o propio Concello quen se dirixiu por escrito ao Ministerio solicitando este cambio. Unha modificación que reiterou o propio Enrique Cabaleiro na reunión que o pasado 12 de xaneiro mantivo en Madrid co director General de Carreteras, Javier Herrero.
O Concello de Tui realizou un estudo para tratar de facer unha nova delimitación considerando ese tramo entre o coñecido coma o cruce do Parador na Avenida de Portugal, e o GADIS, en Areas, como travesía urbana. Ese documento foi trasladado ao Ministerio que iniciou os pertinentes trámites administrativos.
Este Estudo de Delimitación sométese agora durante 30 días, tras a súa publicación no BOE, a información pública para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións. De non presentarse alegacións considerarase aprobado definitivamente. Tamén enviaron notificación ao propio Concello de Tui e á Xunta de Galicia para que emitan informe.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, avanza que o seguinte paso a dar, tras conseguir esta delimitación como tramo urbano, será traballar de cara á humanización deste treito de estrada por parte do Ministerio, de forma previa ao traspaso de competencias sobre o mesmo ao Concello de Tui. Así llo trasladou xa o pasado mes de xaneiro ao director General de Carreteras, Javier Herrero, na reunión que mantiveron en Madrid onde lle confirmaron a “inminente licitación” da humanización do tramo da avenida de Portugal dende a vella Ponte Internacional até a intersección coa N-551.