Sthela Táboas 18/01/2022

Estas melloras xa comezaron esta semana coa reparación da cuberta e continuarán co pintado da escola

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  iniciou ronda de visitas aos centros educativos do municipio e o fixo na Escola de Educación Infantil de Mosende.

Actualmente, os cativos que están escolarizados son 8 e presta servizo ás parroquias de Mosende, Pontellas e Chenlo; por iso “é prioritario que o fagan en boas condicións”, indica o rexidor.

Trátase dun edificio de titularidade municipal, aínda que depende da Xunta,  e a falta de mantemento dos últimos anos fai que as condicións non sexan as adecuadas, máis aínda falando de nen@s de idades entre 3 e 6 anos.

Alejandro Lorenzo explicou que “o edificio necesita melloras e reparacións que me comprometo a acometer. Esta escola ten que manterse, é parte da nosa historia e un servizo que se presta ás familias destas parroquias. O edificio ten un especial encanto e dispón das instalacións precisas para impartir esta etapa educativa, pero ten que ser acondicionado”.

O Concello do Porriño dispón dun saldo nas contas bancarias municipais de  12.730.375,47 € (á data da investidura de Alejandro Lorenzo) polo que é totalmente factible que a Administración local poda asumir estas melloras na unitaria de Mosende.

Os arranxos prioritarios da escola son os aseos, o tendido eléctrico, a calefacción e a instalación dunha canaleta que evite os charcos que se forman á entrada. O Concello informa que esta mesma semana operarios municipais repararon a cuberta, que estaba a provocar filtracións de auga e humidades e de seguido pintarán o centro.

Tras visitar a sala de xogos con piso cerámico, Lorenzo comprometeuse a cámbialo por tarima flotante, que garantirá que os alumn@s poidan xogar con maior comodidade e illamento.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad