Mónica Romero 18/01/2022

É intolerable que por enriba do sectarismo da Xunta que financia só actuacións nos concellos nos que na súa maioría goberna o PP, agora tamén pretenda invisibilizar á Deputación impedindo que participemos en actos sobre equipamentos que financiamos”

“O presidente da Xunta de Galicia vén de manifestar unha vez máis o seu sectarismo partidario ao negar a participación da Deputación de Pontevedra na inauguración onte da nova Biblioteca de Salvaterra cando é unha actuación que foi cofinanciada co Plan Concellos. É intolerable”. Así se pronunciou hoxe o deputado Carlos Font, ante “o veto de Núñez Feijoo á presenza da Deputación, un feito moi grave xa que as propias bases do Plan obrigan a que se faga público o investimento aportado pola institución provincial e a participación da mesma en actos como visitas ou inauguracións das actuacións subvencionadas”.

O deputado, que avanzou que “esta orde de Feijóo terá as consecuencias legais oportunas”, manifestou “a nosa fartura coa actitude do presidente da Xunta. Só financia actuacións en concellos gobernados na súa maioría por alcaldesas o alcaldes do PP impedindo con elo que a veciñanza doutros concellos vexa protexidos os seus dereitos a ter investimentos que garanten a súa calidade de vida vivan onde vivan”. “E agora, por enriba, obriga aos concellos a invisibilizar a financiación da Deputación de Pontevedra en toda canta obra realiza”.

Font recordou que a orde de Feijoo ao Concello de vetar á Deputación pode ter consecuencias. “A base 8.1.10 reguladora do Plan de Obras e Servizos (Plan Concellos) 2020 establece claramente que os concellos beneficiarios “comunicarán á Deputación de Pontevedra a data e a hora nas que terá lugar, ao remate das obras, o acto de recepción destas, ao que asistirá de consideralo procedente, a Presidencia ou unha persoa representante ou facultativa desta”. Así, o deputado advirte que dita actuación non ten acomodo coas regras do bo goberno e cun principio básico como o de lealdade institucional, que rexen as relacións entre Administración Públicas, como dispoñen o artigo 10 da Lei de Bases de Réxime Local 7/1985, de 2 de abril, o artigo 40 da Lei 40/2015 de 1 de outubro do réxime xurídico do Sector Público, e o art. 26 da Lei 19/2013, de 9 de decembro de Transparencia e Bo Goberno. Cómpre ter presente que en todas as subvencións media un deber de difusión activa de cara á cidadanía, e por iso todos os entes que financian un investimento, aínda que sexa a financiación conxunta, deben facer visible ao público a súa participación. “Este incumprimento si que pode orixinar unha responsabilidade por falta de transparencia”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad