Sthela Táboas 07/01/2022

O BNG denuncia discriminación da Xunta co Porriño ao non dar solucións a ningunha das urxencias que reclama a vila; coma a mellora en eficiencia enerxética e accesibilidade do CEIP Fernández López, ou a ampliación do cadro de persoal e instalacións do Centro de Saúde

Dende a agrupación do Bloque Nacionalista Galego do Porriño acusan a Alejandro Lorenzo de “non defender ante Alfonso Rueda os intereses do municipio”.

O vicepresidente da Xunta visitou o concello para acender as ‘luces do Xacobeo’ sen anunciar ningún compromiso co Porriño en asuntos da súa competencia que continúan sen atender”.

Un dos compromisos adoptados pola Xunta de Galicia en novembro de 2021 foi o de iniciar as obras de ampliación do Centro de Saúde; á vista está, que non se comezaron.

O BNG expón que “ademais de contar cun cadro de persoal insuficiente para as dimensións do noso municipio e para os servizos que presta a outros da contorna, tampouco conta cunhas instalacións que permitan prestar unha atención digna. Despois de anos de retrasos inxustificados, a Xunta debe iniciar canto antes unha obra de ampliación para a que xa ten licenza concedida polo Concello. O goberno do PP na Xunta está poñendo en risco a saúde dos veciños e veciñas do Porriño, e nestes días vén de agravar a situación pechando a atención primaria coa escusa da Covid-19”.

Respecto da mellora en eficiencia enerxética e accesibilidade do CEIP Fernández López, dende a agrupación porriñesa demandan “é urxente unha reforma integral do centro. Foi construído nos anos 70 e na actualidade ten graves problemas de insonorización e illamento. Vimos de reclamar no debate de orzamentos autonómicos para o 2022, unha partida de 1 millón de euros para esta reforma, emenda rexeitada pola maioría do PP”.

Para rematar, o BNG de Porriño non deixa atrás a falta do PP no seu compromiso coas políticas sociais e de coidados no Porriño “Cando o Bloque gobernou na Xunta e no Porriño no período 2005-2009, construíronse a Escola Infantil da rúa Doantes de Sangue ou o Centro de Día de Torneiros. Co PP na Xunta, non se investiu un só euro para facer mellorar a conciliación ou a atención das persoas dependentes. No debate dos orzamentos autonómicos para o 2022, o PP rexeitou tamén unha emenda do Bloque que solicitaba a construción dunha nova escola infantil no polígono industrial da Granxa”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad