As obras suporán un investimento de 600 mil euros e deberán estar rematadas en agosto de 2022
Esta semana comezaron as obras de reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez. Unha actuación que suporá un investimento de case 600 mil euros que serán financiados polo Consello Superior de Deportes.
Durante os 9 meses nos que se realicen as obras o Club Kaiak Tudense, que ten a súa sede neste centro municipal, realizará os seus adestramentos no CETD, Centro Especializado de Tecnificación Deportiva e no Centro Municipal de Remo.
Co proxecto que agora comeza a executarse o Centro Municipal de Piragüismo, que data de 1987, verase totalmente renovado, adecuando as súas instalación as actuais necesidades e a nova normativa. O edificio pasará a contar con novas entradas de luz natural e será revestido dunha pel que homoxeneizará a fachada e o integrará no entorno, redundado tamén na eficiencia enerxética do inmoble.
A planta baixa reformarase completamente e a fachada principal pasará a estar aberta cara ao río, situándose na parte traseira o almacén das piraguas. A entrada lateral dará acceso á sala de espera, aos vestiarios e a ximnasio. Tamén nesta planta baixa se situará un acceso adaptado. O primeiro andar, que aumentará en volume, acollerá a zona administrativa, de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, e manterá a zona de ergómetros.