Para Carmela Silva “este non é un acto calquera, é un acto cunha enorme simboloxía no que se lle dá valor ao traballo dunha muller cun grande talento”
A fotógrafa mostrouse moi orgullosa porque as fotografías descansen no Pazo Provincial “e poidan ser desfrutadas por todas @s pontevedreses xa que nelas está un anaquiño do meu corazón”
A fotógrafa tomiñesa Pily Reñones foi recibida esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra, nun encontro marcado pola emoción e no que os sentimentos estiveron a flor de pel. “Este non é calquera acto, é un acto cunha enorme simboloxía” destacou a presidenta, Carmela Silva, quen acompañada polo deputado Uxío Benítez e a nai e o pai da artista -Áurea e Camilo- descubriron xunto a ela as dúas imaxes, coas que Pily Reñones foi candidata aos Goya da Fotografía e que agora locen no edificio provincial. Antes de descolgar as teas que cubrían as imaxes a artista deixou plasmada a súa sinatura no Libro de Honra da institución, e recibíu como agasallo a escultura dunha camelia, símbolo das mulleres sufraxistas, realizada por Ana Tenorio.
Baixo os títulos de “Escóitame” e “A balanza da vida”, Pily Reñones retrata en ambas as dúas fotografías a unha muller maior; a protagonista da primeira delas está nun balcón cun rosario na man, unha escena que inspirou á artista por lembrarlle á súa avoa. Na outra aparece unha muller, tamén anciá, tras o mostrador dunha tenda de ultramarinos e xunto á balanza que empregaba para despachar no comercio, unha peza cargada de simbolismo. “Mulleres, en palabras da presidenta, das que somos herdeiras, que traballaron ao longo da historia e que son a forza que nos impulsa hoxe a todas. Son a luz da nosa batalla”.
Carmela Silva subliñou que “co seu traballo Pily Reñones ponse no centro, visibiliza a creatividade de todas e o goberno provincial quere dicirlle grazas, que continúe e que siga adiante”. A presidenta da Deputación quixo facer tamén un recoñecemento á nai e ao pai da fotógrafa, que foron quen lle agasallaron coa súa primeira cámara e axudárona a medrar nesta disciplina e acadar os seus soños. Tampouco se esqueceu da “xente potentísima” que teñen os concellos pequenos, os de menos de 20.000 habitantes, porque “en todos os lugares da provincia temos moitísimo talento”.
Pily Reñones, quen estivo visiblemente emocionada durante todo o acto, deulle as gracias a Carmela Silva “por abrirme as portas e crer en min como profesional e como persoa”. A artista asegurou estar “moi orgullosa porque as fotografías descansen no Pazo Provincial e poidan ser desfrutadas por todas as pontevedresas e pontevedreses” xa que nelas “está un anaquiño do meu corazón”. A fotógrafa tamén fixo un recoñecemento á súa nai e ao seu pai por apoiala de xeito incondicional dende nena coa súa paixón e lembrouse do resto da súa familia, que non puido asistir ao acto.
Pola súa banda o deputado Uxío Benítez, veciño de Tomiño como Reñones amais de concelleiro, fixo fincapé na importancia da fotografía “unha das artes máis importantes porque nela plásmase algo real e transmítese con emoción” . Benítez sinalou o feito de que estasfotografíassexan de mulleres maiores e-engadiu- que dende as institucións hai que valorar a sabedoría, a experiencia e a templanza” que esas persoas posúen.