Sthela Táboas 07/11/2021

A Administración Autonómica solicita aos concellos as parcelas necesarias para construír os novos centros previstos no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria e pon ao servizo dos concellos ao persoal técnico do Sergas para visitar e avaliar aquelas parcelas que podan cumprir coas necesidades de edificabilidade das infraestruturas proxectadas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de remitir cartas a alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan recentemente aprobado

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a pasada semana un Plan de Infraestruturas sanitarias de Atención Primaria que contempla a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reformas noutros 14 xa existentes. As actuacións están divididas en tres fases, das que a fase 0 contempla proxectos coa tramitación administrativa xa iniciada previa sinatura dos oportunos protocolos ou convenios co concello correspondente, polo que xa teñen superada a fase de localización de terreos.

Así, os concellos con novos centros proxectados na fase 1 son Noia, Ribeira, Porto do Son, Pantón, Lugo, Ribadeo, O Carballiño, Boborás, Muíños, Caldas de Reis, O Grove, Poio, Cangas do Morrazo e A Guarda, mentres que na fase 2 figuran novos centros para Fisterra, Malpica, Ferrol, Fene, Teo, Becerreá, Guntín, Allariz, Montederramo, Ourense, Barro, Meis, Ponteareas e Mos. Estes foron os concellos destinatarios das cartas.

Para a elaboración desta planificación contouse co coñecemento existente nas estruturas das áreas sanitarias, que repasaron a situación das infraestruturas da súa contorna para avaliar as maiores necesidades. Os criterios fundamentais que se tiveron en conta para establecer a priorización destas futuras actuacións foron tanto técnicos como asistenciais, valorando circunstancias como a antigüidade dos actuais centros ou o seu estado de conservación, así como as carencias funcionais e operativas que as áreas atopan neles para adaptalos ás necesidades actuais de asistencia sanitaria.

A elaboración deste Plan aliñase coa estratexia de transformación que a Xunta está a desenvolver na atención primaria a través do documento estratéxico “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”. Así, o Executivo galego está a apostar pola potenciación da atención multidisciplinar, do traballo en equipo, e o desenvolvemento en plenitude das competencias de cada categoría profesional implicada neste nivel asistencial, cunha vocación de impulso á saúde comunitaria.

Co remate en outubro de 2021 da obra de construción do centro de saúde de Bouzas (Vigo) e das obras de reforma dos centros de saúde de Mugardos e Bertamiráns (Ames), conclúe un período desde 2009 no que a Xunta de Galicia ten construído ou reformado un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 m2.

O Goberno galego ten neste momento dúas infraestruturas de atención primaria en proceso de construción (CIS de Lugo e CIS de Lalín),  tres reformas en disposición de comezar antes de que remate este ano (ampliación do centro de saúde de Porriño e reformas dos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia), e quince reformas en centros de saúde de titularidade municipal en execución en colaboración coas administracións locais, trala sinatura este ano de convenios cos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Palas de Rei, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, Valdoviño, Amoeiro, Rodeiro, Beariz, Vilardevós, Baltar, Maside, Friol, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, preto de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria. A partir deste ano, o novo Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria servirá a xeito de plan director para o novo ciclo de investimento futuro nesta rede de centros, deseñando así unha folla de ruta que centre as prioridades de actuación a curto e medio prazo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad