Sthela Táboas 22/10/2021

Técnicos municipais xa se atopan inmersos na redacción dos proxectos de obra e, os previstos para 2022, inclúense no orzamento municipal en proceso de elaboración

Comezando polos máis urxentes, melloraranse camiños das 10 parroquias

Onte aprobouse en Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de mellora da pavimentación no Camiño de Cabezal e na Estrada Real, á empresa concesionaria dos traballos de reposición do firme que está previsto que comecen de cara á semana que vén.

Con motivo da aprobación e inminente comezo destas obras de asfaltado, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, aproveitaron tamén para anunciar un novo Plan Municipal de 40 asfaltados que se iniciará en 2022 e se desenvolverá durante todo o próximo ano e o 2023, comezando pola mellora da pavimentación nos camiños máis urxentes e máis rodados.

Os representantes municipais, Arévalo e Augusto, informaron de que “se mellorarán viais nas 10 parroquias mosenses, contemplando unha media de 4 camiños a optimizar en cada parroquia”. Así mesmo, explicaron que “os técnicos municipais (enxeñeira, arquitecta técnica e arquitecto) xa se atopan traballando nos 40 proxectos de obra, cuxa redacción xa iniciaron e realizaron a medición dos viais a mellorar; e os camiños máis urxentes a acometer en 2022 están incluídos no orzamento municipal do ano que vén, proceso de elaboración no que nos atopamos inmersos nestes intres desde o equipo de goberno local”.

A elección das 40 vías obxecto de mellora faise eco das peticións de asociacións de veciños e dos propios veciños particulares, así como da propia valoración municipal, identificando os máis deteriorados ben porque houbo unha obra de instalación de saneamento previa, porque son moi antigos, ou porque están moi rodados ao rexistrar un elevado volume de tráfico.

Neste sentido, Camilo Augusto declaraba que “desde o Concello sempre manifestamos a prioridade de acometer primeiro o saneamento na maior parte de zonas posibles para logo asfaltar. Durante os últimos anos instalouse moita rede de alcantarillado e agora toca xa o turno do asfaltado”. O tenente alcalde e edil de Vías e Obras apuntou tamén que “a intención é a de incluír tamén a mellora de cunetas neste Plan de Asfaltados, para mellorar todas as dos viais nos que se proceda á reposición do firme”.

Respecto das obras en Cabezal e Estrada Real que se iniciarán en cuestión de días, apuntar que se atopan incluídas dentro da Liña 1 do Plan Concellos e contan cun orzamento por importe de 151.443,79 €. No Camiño de Cabezal en Torroso, ademáis do asfaltado, acometerase un tramo de saneamento, para logo realizar a conexión final. Tras a instalación do saneamento farase a mellora da pavimentacion do Camiño de Cabezal, cunha lonxitude de 850 m, que comprenderá actuacións previas que inclúen o desbrozado lateral, limpeza de cunetas e noiros; e rehabilitación de firmes e pavimentos mediante regularización da capa de rodadura, coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto.

No Camiño Estrada Real Petelos-Sanguiñeda mellorarase a rede de saneamento coa renovación da antiga tubería, e a Comunidade de Auguas de Sanguiñeda aproveitará tamén para renovar a tubería da traída de abastecemento de auga, evitando así en ambos casos, averías ou problemas futuros por deterioro ou desgaste dos tubos. A obra de mellora da seguridade viaria en Estrada Real, parroquias de Petelos e Sanguiñeda, cunha lonxitude de 1.408 m, comprenderá actuacións previas que inclúen o desbrozado lateral, limpeza de cunetas e noiros e rehabilitación de firmes e pavimentos mediante regularización da capa de rodadura, coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad