Mónica Romero 29/09/2021

Están xa á venda en www.tui.gal as entradas para todos os eventos previstos entre o 1 de outubro e o 3 de decembro

Este venres, 1 de outubro, comeza no Teatro Municipal de Tui, a programación Cultural de Outono conformada por dez espectáculos de danza, teatro e música dirixidas tanto a público adulto coma infantil.

A presentación desta programación tivo lugar esta mañá na casa do concello a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, referiuse a programación presentada esta mañá coma “moi ambiociosa” con “contido de calidade” e amosou o compromiso do Concello de Tui coa cultura avanzando que seguirán traballando en vindeiras citas e programacións. Aproveitou o rexedor tudense para facer un chamamento a ampliación dos aforos indicando que “creo que a mellor noticia para o mundo da cultura, xa acorde coa evolución da pandemia no país , sería que se empecen a dar pasos de permitir os aforos completos” coma se está a facer con outros ámbitos xa que dicía que “estamos falando de que a cultura é moi segura, pola propia natureza dos espectáculos”. Salientaba que esta sería a mellor noticia “porque necesitamos que o sector cultural, duramente castigado durante a pandemia, volva recuperarse. O necesita o sector cultural e o necesitamos todos, porque é unha cuestión cultural, de dinamización social e económica”.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicaba que tras a programación do verán “comezamos a programación de outono este venres, 1 de outubro, cunha obra de Marta Alonso, con tres Premios María Casares, comezamos cun evento de luxo, e remataremos o 3 de decembro con algo novidoso para o concello de Tui coma é un evento lírico da man de Camerata Lírica”. Engadía que “esta programación vai dirixida a todo tipo de público, con diversidade de espectáculos, teatro, danza, música,… con obras impresionantes” detallando cada un dos eventos previstos. A concelleira explicaba que o aforo no teatro tudense será do 45%, é dicir 250 butacas, para que “o público se sinta cómodo”. E coma novidade anunciaba a posta á venda dende hoxe das entradas para todos os espectáculos.

Jacobo Sutil, o director da AGADIC, incidiu na “calidade e cantidade da actividade cultural” do Concello de Tui” destacando “o coidado co que se fan as cousas, con dialogo continuo connosco, facendo que a cultura siga sendo segura”. Sobre a programación presentada esta mañá destacaba que inclúe danza, teatro e música para público infantil e para público adulto “o que fala das distintas sensibilidades que está a cubrir esta programación” e dicía que “exemplifica todas as posibilidades que dende a Xunta de Galicia ofrecemos de programación en colaboración con Concellos”. Nese senso aludía ao concerto de Amancio Prada da man do Xacobeo, o CDG que iniciará a xira en Tui, o Centro Coreográfico Galego que estará presente coa coprodución con Marta Alonso, e a presenza de espectáculos a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Dez espectáculos conforman esta programación cultural

Marta Alonso con “Bailar Alonso” será a encargada este venres, 1 de outubro, de abrir esta programación cun espectáculo de danza contemporánea que recibiu tres Premios María Casares. A danza volverá a estar presente, para público infantil, o 12 de novembro con Transpediante con “Nina Ninette”.

O teatro, para público adulto, chegará da man de Ibuprofeno Teatro con “O Mel non caduca” o 15 de outubro, e co Centro Dramático Galego que iniciará en Tui a xirada de “O Charco de Ulises” o 5 de novembro. O público infantil poderá gozar coas obras teatrais “Aibó” de Compañía Eléctrica o 8 de outubro, e con La Canica e “Orfeo” o 26 de novembro, nun epectáculo que recibiu o Premio Fetén 2020 á mellor proposta dun clásico.

Dous son os concertos previstos nesta programación de outono. Amancio Prada actuará no Teatro Municipal o 2 de novembro con “Camiño do Meu Contento”, e Tanxugueiras chegará na xira de “Contrapunto” o 19 de novembro. Amais Golfiños achegará o concerto infantil “O soño dos golfiños” o 22 de outubro.

Coma novidade pechando a programación Camerata Lírica presentará o 3 de decembro “La Boheme, concerto escenificado”.

Os espectáculos para público infantil comezarán ás 19.30 h e para público adulto ás 21.30 h

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda en www.tui.gal ao prezo de 8€ e 6€ para as actividades dirixidas a público adulto, e 4€ e 3€ para as destinadas a público infantil.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad