Sthela Táboas 01/09/2021

No centro de ensino porriñés vanse realizar traballos de eficiencia enerxética e eliminación de barreiras arquitectónicas por importe de máis de 1,2 M€, seguindo as directrices establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para adaptar os centros educativos ao contexto post-pandemia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o instituto IES Pino Manso, no Porriño, onde a Xunta vén de licitar o proxecto de rehabilitación integral por máis de 1,2M€, unha actuación que forma parte do compromiso do Goberno galego coa área de Vigo onde está a investir este ano case 12,5M€ en melloras en centros educativos.

Durante a visita, Román Rodríguez salientou a aposta da Xunta coas infraestruturas educativas desta área. Non en balde, este verán estanse acometendo 65 obras, cun orzamento de máis de 3,8M€, actuacións que inclúen a substitución de carpintería exterior dos colexio CEIP da Cruz-Budiño, no mesmo concello do Porriño.  Ademais, salientou que a mellora no Pino Manso se enmarca nun paquete de13 actuacións que a Xunta está a licitar na área, por importe de 7,2M€. Así mesmo, culmínanse obras no instituto de Salvaterra de Miño, entre outras, por importe de máis de 1,5M€.

“As actuacións previstas e as que estamos levando a cabo no resto de Galicia farán posible que os centros escolares se adapten ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas da vindeira década”, expresou Román Rodríguez. Neste sentido, recordou que se seguen as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar os centros ao contexto post-pandemia e que conta cun orzamento de 191M€ ata 2024.

O obxectivo, engadiu, é “deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos grazas a unha arquitectura de valor engadido para dar resposta á educación do século XXI”, expresou.

No caso concreto do instituto IES Pino Manso os traballos previstos incluirán labores de eficiencia enerxética coa substitución de cubertas, instalación de illamentos térmicos ou substitución de carpintería exterior por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica. A rehabilitación integral do centro incluirá tamén traballos para mellorar a súa accesibilidade coa execución de tres ramplas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e tamén cambios na distribución da planta semisoto, entre outras actuacións.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad