O Concello de Salceda de Caselas ven de solicitar unha subvención de 250.000 € á Xunta de Galicia para poñer en práctica un novo Programa Integrado de Emprego que beneficiaría a 100 persoas desempregadas do municipio. O plan acollería persoas desempregadas con perfís diversos: discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mulleres, etc., presentando un obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 45% das persoas participantes.
As persoas beneficiarias participarían nun mínimo de cinco accións individuais e tres accións de distinta natureza de xeito activo durante os 12 meses de duración do programa. Ademais da formación que se agrupa en tres itinerarios formativos: un sociosanitario, no que se impartirá formación vinculada ao ámbito; un de almacén e transporte, no que se incluirá a obtención de dos permisos de conducir B e C; e un de industria, no que se incluirá formación relacionada coa automoción e procesos de fabricación en xeral. Ademais faranse prácticas formativas en empresas da zona coas que o Concello xa ten establecidos convenios de colaboración para cumprir co compromiso de inserción marcado: Aceesca, Febeco, Playdesa, Industrias Proa e Sociser Galicia. Tamén colaboran a través de convenios a Asociación de Comerciantes e Industrias de Salceda “ACISA” e a Entidade Urbanística do Polígono de A Granxa.
O Concello de Salceda conta co Centro de Desenvolvemento Local O Torrón para levar a cabo este tipo de programas, cunhas instalacións recentemente reformadas, as que se lle está cambiando o tellado, instalouse a climatización e se actualizou a parte informática coa instalación dun servidor e un SAI, entre outras pequenas melloras. Dende aquí se xestionaría o programa con persoal técnico especializado que atendería ás 100 persoas participantes.
No caso de ser concedida esta iniciativa sumarase ás iniciativas municipais que nos próximos meses porá en marcha a concellería de emprego e formación, xestionada pola propia alcaldesa e tamén concelleira de área. Verónica Tourón, alcaldesa e responsable da área de emprego e formación: “esperamos que a Xunta atenda a nosa petición e poidamos poñer en marcha este programa necesario para as persoas demandantes de emprego do noso concello. Un programa integrado, de formación, prácticas e inserción laboral, mellora a empregabilidade e garantiza unha inserción laboral alta, xa que no anterior alcanzouse unha inserción de case un 60%. Hai que establecer prioridades e sen dúbida a creación de emprego é unha delas”.