José Docampo 27/08/2021

Ecovidrio instala contedores en Mos “para concienciar sobre o coidado do medioambiente e promover a sustentabilidade durante a competición”, e entregará ao gañador do campionato. Por outra banda, o RC Celta organiza para o vindeiro mércores a “Xornada de Convivencia Infantil Afouteza”, que se atopa incluída dentro do programa de actividades con motivo da etapa 20 de La Vuelta 21 no municipio.

Este ano Ecovidrio e La Vuelta “propuxéronse converterse na edición máis sostible da historia da competición”. Para iso o Concello de Mos onde rematará a etapa 20, e Ecovidrio van colaborar colocando 12 contedores de reciclaxe no municipio para promover a reciclaxe e concienciar aos seus veciños sobre o coidado do medio ambiente e o impacto que teñen os nosos actos nel. Ademais, con todos os residuos que se depositen nestes contedores ata o paso da Volta, Ecovidrio deseñará un trofeo sostible que entregará ao gañador desa etapa o próximo 4 de setembro. Os contedores instalaranse en diferentes puntos do municipio.

Todo iso forma parte da estratexia de sustentabilidade que desenvolveu Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, e Unipublic, empresa organizadora da proba deportiva que vén celebrando entre o 14 de agosto e o 5 de setembro, para seguir sumando forzas e visibilizar aínda máis o compromiso co medioambiente, convertendo así o evento nun auténtico exemplo de sustentabilidade.

Para iso, ademais de instalar contedores en Mos e nas diferentes cidades de Castela e León, Castela-A Mancha, Comunitat Valenciana, Región de Murcia, Andalucía, Estremadura, Cantabria, Asturias e Galicia protagonistas das etapas de LA VUELTA 2021, tamén vai contar cun Pelotón Verde integrado por voluntarios que recollerá os residuos das zonas de maior sensibilidade ambiental ao final de cada unha das 21 etapas da proba; a instalación de Eco Zonas ou áreas de recollida de refugallos durante o percorrido para os deportistas, cuxo paso por aí é obrigatorio se non se queren enfrontar a sancións; ou a instalación do contedor máis grande do mundo na primeira e a última etapa (Burgos e Santiago de Compostela) como un emblema que simboliza o compromiso da sociedade coa reciclaxe de envases en España.

Por otra banda, o RC Celta organiza na Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras unha xornada de convivio para máis de 100 nenos e nenas de Mos de entre 4 e 12 anos de idade. A inscrición dos participantes realizouse a través dos clubes de fútbol locais, Unión Deportiva Mos e Club Louro Tameiga; e das ANPAS dos distintos centros educativos mosenses.

A Xornada de Convivencia Afouteza terá lugar o próximo mércores, día 1 de setembro, en horario matinal, de 10.00 a 13.00 horas. Os 100 nenos e nenas “gozarán dunha xornada de convivio onde realizarán unha visita guiada pola Cidade Deportiva Afouteza, e unha posterior actividade no campo de adestramento do RC Celta cun carácter lúdico e co obxectivo de gozar dun día de fútbol”.

O Concello tomará a temperatura dos asistentes na entrada e disporá xel desinfectante.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad