O CDG e a Compañía de Teatro de Braga presentan mañá ás 22 h en Caldelas “A Contenda do río Miño”. Ás 18 h Pista Castro ofrecerá o espectáculo itinerante “Mezzo”
Dobre cita mañá venres, 27 de agosto, na Ribeira de Caldelas.
Ás 18 h Pista Catro presenta o espectáculo itinerante “Mezzo. O fantástico circo de Insectos Xigantes do doutor Mezzo”. Pista Catro recupera o espírito das novelas de Julio Verne nunha viaxe chea de cor, imaxinación e fantasía na que o público acompañará durante toda a función aos seus protagonistas.
Baixo a dirección de Antón Couceiro Arturo Cobas da vida ao botánico, explorador e naturista xenovés do século XIX Giovanni Mezzo, quen descobre nunha illa do Pacífico estrañas criaturas. Nunha feira ambulante exhibe algúns deses insectos xigantes da “Era Mesozoica” coma un escaravello peloteiro (Aitor Garuz), unha bolboreta (Raquel Oitavén), unha tarántula africana (Mónica Paradela), formigas e saltamontes (Beatriz Rubio e Álvaro Reboredo), ou un caracol Dj (Kote Rodríguez). Esta singular feira chegará mañá a Caldelas, horas antes da representación de “A contenda do río Miño”.
Xa a partir das 22 h será a quenda a dunha comedia musical de gran formato producida polo Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga “A Contenda dos Labradores de Caldelas ou entremés famoso sobre a pesca no río Miño”. Partindo do texto escrito hai 350 anos por Gabriel Feixóo de Araúxo que fala sobre a disputa sobre os dereitos de pesca, construíron unha comedia musical na que falan de Galicia, do Norte de Portugal, do río Miño das nosas relacións. A montaxe, de gran formato e moi visual, conta con dez persoas en escena Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Antonio Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Solange Sá e Fran Núñez, e o fadista Paulo Bragança.
Esta coprodución foi estreada no Teatro Clásico de Almagro, e foi representada xa en Braga e Cangas. Mañá chega a Tui, a Caldelas, nunha posta en escena con gran significado xa que 350 anos despois volve ao lugar que lle deu nome á obra en 1671.
As entradas para a “A Contenda do Miño” poden reservarse gratuitamente en www.tui.gal.