Mónica Romero 29/07/2021

A estimulación cognitiva e funcional dos usuarios e o apoio ás familias son obxectivos dos obradoiros impartidos por AFAGA clausurados onte. Retomarán a actividade en setembro ao igual que o programa Cultiva a Mente

Máis dunha ducia de persoas participaron esta temporada nos obradoiros de “Estimulación Cognitiva e Funcional” que AFAGA en colaboración co Concello de Tui imparte en Randufe. Os usuarios e usuarias acoden en dous grupos os luns e mércores e os martes e xoves.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, participaron onte na despedida desta actividades, que tras as vacacións no mes de agosto, volverá a celebrarse a partir de setembro. Onte fixeron entrega aos usuarios e usuarias, acompañados polas súas familias, dos diplomas de remate de curso, da caderno coas actividades realizadas ao longo do ano, e dun pequeno agasallo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientaba que o obradoiro clausurado onte é posible grazas a AFAGA e agradecía ao seu presidente, Juan Carlos Rodríguez, “o empeño que sempre tivo en pór isto en marcha”. Referíase tamén o rexedor ao programa Cultiva a Mente, que rematou tamén hai uns días sinalando que “é a primeira vez na historia dun concello de Galicia que se traslada este tipo de servizos ás parroquias”. Ao tempo Enrique Cabaleiro sinalou o compromiso do concello para seguir traballando para mellorar as instalacións nas que se prestan estes servizos. Nese senso aludiu ao proxecto para converter o coñecido coma edificio de CamFran, na avenida da Concordia, nun cetro de día.

Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, amosou a súa satisfacción “sobre todo pola resposta que estamos dando á cidadanía de Tui e da comarca”. Explica que o programa traballa para estimular aos usuarios a nivel a nivel cognitivo e funcional, e por outra parte coas familias “para darlles soporte, respiro, información, asesoramento, e que se sintan acompañados nunha patoloxía que é complexa, que ten moitas modificacións ao longo do tempo, que é longa, e que precisa dun apoio permanente para as familias”.

Hai oito anos que en Tui se imparte este obradoiro de estimulación cognitiva e funcional, inicialmente na Área Panorámica e dende hai cinco anos no Centro de Atención a persoas con demencia e familias, situado na antiga escola de Randufe.

AFAGA imparte en Tui este obradoiro de “Estimulación Cognitiva e Funcional” dirixido a persoas que foron diagnosticadas de algún tipo de demencia dexenerativa, e o programa “Cultiva a Mente” para maiores de 55 co obxectivo de promover un envellecemento activo e saudable. Este último lévase a cabo en Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad