O obxectivo é garantir a rotación dos vehículos nos aparcamentos gratuítos limitados en tempo
A Policía Local de Tui iniciará hoxe xoves unha campaña de especial atención na zona azul do municipio. Deste xeito búscase garantir a rotación nos vehículos estacionados nestas zonas de aparcamento gratuíto limitado no tempo ante a gran demanda que se produce nos meses de verán.
Tui dispón de máis dun centenar de prazas en Zona Azul, con estacionamento gratuíto durante un máximo de hora e media, nas rúas Augusto González Besada, Foxo e Rosa Bahamonde e as súas travesías, e en Calvo Sotelo dende o cruzamento con Augusto González Besada até o cruzamento coa rúa Maristas. O horario da zona azul é de 9 a 14 h e de 16 a 21 h salvo domingos e festivos, segundo recolle a Ordenanza Reguladora aprobada en 2008. Neses tramos horarios ao estacionar débese colocar o disco coa hora de chegada en lugar visible no parabrisas. O disco pódese adquirir, por un prezo de 0,60€ na tesourería na casa do concello. Tamén se pode empregar o disco de zonas azuis doutros concellos.
O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, explica que “nos meses de verán a maior afluencia de visitantes e de veciñanza aumenta a presión sobre as prazas de aparcamento das que dispoñemos, polo que necesitamos que haxa a maior rotación posible”.