O deseño é autoría de Elisa Posada González, alumna de 4º da ESO que o vindeiro curso entrará no Bacharelato de Artes do IES de Mos, e que resultou gañadora do concurso convocado polo Concello.
Onte presentouse no salón de sesións do Concello de Mos a máscara oficial da etapa de La Vuelta 2021 que rematará no Castro de Herville (Cela) o 4 de setembro. Recibiuse á gañadora do concurso convocado polo Concello para deseñala, para facerlle entrega do correspondente premio polo seu logro e polo seu gran traballo. Este ano a máscara oficial é un deseño de Elisa Posada González, alumna de 4º curso da ESO, que en setembro comezará 1º do Bacharelato de Artes.
Todos os participantes no concurso formaban parte do alumnado de 4º da ESO, xa que a convocatoria desde ano centrouse no devandito curso. Presentáronse un total de 33 deseños entre os que resultou gañador o de Elisa. O xurado estivo formado polas ANPAs dos diferentes centros educativos do municipio, Colexios e IES.
O deseño gañador, autoría de Elisa Posada, inspírase nas cores dos símbolos municipais: o escudo e a bandeira do Concello de Mos, así como nas montañas de Galiza; segundo ela mesma explicou. Ademais o deseño inclúe o logotipo oficial de La Vuelta 21 e o escudo do Concello de Mos.
Da máscara gañadora estanse a producir varios centos de unidades que serán entregadas como agasallo institucional con motivo da meta da etapa 20 de La Vuelta 2021 en Mos o vindeiro 4 de setembro. O Concello non detalla os custes desta iniciativa.