A Xunta enviou ao concello en catro ocasións para manter unha xuntanza e mesmo convocou unha reunión con todo o tecido deportivo do atletismo vigués sen obter resposta do concello
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, celebra as declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que anuncia o encargo do proxecto de remodelación do estadio de atletismo de Balaídos. Lete Lasa lembra que foi en 2013, cando Xunta de Galicia e Concello de Vigo acordaron a reforma das pistas de Balaídos por un importe de 2,7 millóns de euros, achegando a Secretaría Xeral para o Deporte 2,3 millóns de euros e o concello os restantes 400.000 euros. Un feito confirmado e asumido polo concello como amosan as cartas enviadas a esta Secretaría Xeral. Dende aquel momento, a Xunta leva oito anos reservando nos seus orzamentos unha partida para comezar canto antes as obras nas pistas e agardando a decisión do concello para poder executar a obra.
Tras a anulación do PXOM de 2008 foi en todo momento o concello quen debía realizar as modificacións urbanísticas pertinentes para poder comezala obra. A pesares disto, a Xunta citou ao Concello en catro ocasións para manter unha xuntanza e mesmo convocou unha reunión con todo o tecido deportivo do atletismo vigués sen obter resposta algunha do concello.
Respecto aos 5 millóns de euros que o alcalde di que a Xunta prometeu para o acondicionamento da pista de atletismo de Balaídos, cómpre salientar, como amosan as cartas do Concello de Vigo remitidas a esta Secretaría Xeral, que o propio Concello asegura “estar agardando que a Xunta de Galicia deposite 5 millóns de euros para a reforma do Estadio de Balaídos, obra prioritaria para Galicia”, sen aludir en ningún momento ás pistas de Balaídos.
A Xunta de Galicia quere ratificar a total vixencia do seu compromiso e amosar a súa absoluta colaboración co Concello de Vigo, como así o leva facendo desde o pacto acordado respecto as pistas de Balaídos no ano 2013. Do mesmo xeito ofrece ao Concello de Vigo o proxecto de obras de reforma do complexo de atletismo de Balaídos en Vigo, encargado e sufragado pola Xunta de Galicia e que posúe desde o ano 2015 e está a disposición de reunirse co concello para traballar na proposta definitiva.