O Concello anuncia un investimento da Xunta de até 47.000 euros para actuacións sobre a ventilación, a iluminación e o illamento térmico do equipamento. Aseguran que as obras serán executadas ao longo do vindeiro mes de agosto e “serán financiadas polo Consorcio mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público”.
Segundo informou o Concello de Mos esta semana, a Xunta de Galicia sufragará varias obras de mellora na Escola Infantil de Mos-Porteliña, pertencente á rede pública autonómica, que contan cun orzamento de 47.200 euros e que se desenvolverán durante o mes de agosto aproveitando o período de vacacións no centro. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez e representantes do Concello visitaron hoxe o equipamento para dar conta destes traballos, que estarán rematados para o inicio do novo curso escolar en setembro, e de cuxo proxecto encárgase a arquitecta mosense Fani Grandal, galardoada xa con varios importantes premios pola construción de outra Escola Infantil da rede A Galiña Azul en Mos: a da Veigadaña. Grandal estivo presente tamén durante a visita á Porteliña realizada esta mañá.
Perfecto Rodríguez explicou que a intervención céntrase, fundamentalmente, na mellora do illamento térmico da escola, así como en aspectos relacionados coa seguridade. Así, actuarase na fachada; nas carpinterías de aluminio e madeira; nas instalacións de ventilación, fontanería e iluminación; e substituiranse os pavimentos exteriores deteriorados por outros novos.
As tarefas proxectadas axústanse ás necesidade postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais. A execución dos traballos correrá a cargo do Concello e serán financiados polo ente autonómico mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público. O xerente do Consorcio apuntou que con estas obras “queremos seguir mellorando as nosas Escolas Infantís para poñer á disposición das familias galegas e os seus nenos unha atención educativa e uns coidados de calidade nuns centros de primeiro nivel”.