Sabela Landín 21/07/2021
Audiencia Provincial

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un ano de cárcere, como autor dun delito de lesións, a un cliente que en xullo de 2019 lle rompeu o nariz dunha puñada á camareira dun establecemento situado nas inmediacións do estadio de Balaídos. O tribunal, que tivo en conta á hora de ditar a sentenza a atenuante simple de alteración mental, tamén lle impuxo a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante tres anos, así como o abono dunha indemnización de 9.756 euros. Os maxistrados indican no fallo que o sospeitoso golpeou á traballadora do local durante o transcurso dunha discusión e “sen previo aviso”.

A forte puñada provocou que a muller se caese ao chan. Os xuíces consideran probado que unha testemuña entrou no bar para socorrer á vítima mentres o agresor permanecía na barra “terminando o seu café tranquilamente”. Como consecuencia do golpe, a camareira sufriu a rotura do óso nasal e a desviación do tabique. O condenado, segundo consta na resolución, está diagnosticado de atraso mental leve e trastornos de conduta con déficit de control de impulsos, polo que o tribunal considera que no momento dos feitos a súa capacidade volitiva estaba diminuída de forma leve.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad