Sthela Táboas 20/07/2021

Un total de 73 equipos participantes queimarán neumático no asfalto das estradas porriñesas cun dos tramos máis bonitos do rally na subida a Chenlo

O Porriño será de novo parte esencial do “Rallye Recalvi Rías Baixas” que acadará a súa 54ª edición despois do forzoso parón ocasionado pola pandemia en 2020.

O evento automobilístico ten ao Concello do Porriño como unha das institucións que máis anos leva colaborando coa proba, tanto de xeito económico como na loxística.

O sábado 24, ao mediodía, terá lugar na rúa peonil, o reagrupamento de vehículos participantes que accederán ao recinto pechado pola rúa Pío XII. A Policía Local do Porriño prestará apoio, organizando o tráfico e restrinxindo o estacionamento.

Ademais, para os aficionados ao motor, varios tramos da xornada do sábado transcorrerán polo termo municipal porriñés. “Como sempre o treito de baixada por Chenlo será dos máis espectaculares e vistosos para os espectadores” manifestou o presidente da Escudería Rías Baixas e responsable da organización, Fernando Mouriño, durante a presentación celebrada este mediodía na praza do Concello.

Desde o punto de vista da participación, Mouriño subliñou que ao pasar o Rías Baixas a ser proba puntúable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto “acadamos os 73 equipos participantes con pilotos de relevancia  como José Antonio Suárez, alcumado ‘Cohete’ que ven de gañar en Ourense; Sergio Vallejo, actualmente primeiro da clasificación xeral da Copa de España; e Oscar Palacios, que vai segundo” resaltou.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, David Alonso expresou no nome do Concello “a ledicia que nos produce recuperar a celebración de esta proba e renovar o noso vínculo”. Por último Alonso recalcou a importancia do Rally Rías Baixas “como elemento de dinamización do turismo no noso concello e na contorna, así como da promoción económica para o sector da hostalería, que está a pasar unha situación moi complicada”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad