Trátase dunha homenaxe aás vítimas da Covid que partíu de Oporto o pasado luns día 12
O albergue do Porriño aloxou na primeira quincena de xullo a 57 peregrinos
Os concelleiros do goberno municipal Sergio Casal, David Alonso e Cami Moreira recibirán mañá venres, ao redor das 13.00 h no salón de plenos do Concello, aos peregrinos que portan a “Mochila da Luz” en homenaxe ás vítimas da Covid.
Peregrinos que están a realizar o Camiño Portugués portan por relevos a “Mochila da Luz” desde que partiu de Oporto o pasado luns 12. Precisamente mañá venres completarán a etapa Tui-Porriño. A coordinadora da iniciativa, Susi Soto, e un grupo de peregrinos de varias nacionalidades serán os encargados de transportar a Mochila da Luz ata O Porriño.
Este ano 2021 a mensaxe a transmitir “e de esperanza, da luz da esperanza dos nosos maiores por ser o primeiro grupo de poboación en ter recibido a vacina” segundo manifestan os promotores da “Mochila da Luz” nas súas redes sociais.
Por outra banda, o albergue do Porriño acolleu desde que o pasado día 1 reabriu as súas instalacións, a un total de 57 peregrinos, segundo informou a Concellería de Turismo con datos da primeira quincena deste mes. A orixe maioritaria dos peregrinos é nacional, procedentes maioritariamente de Madrid, Valencia e Murcia. Tamén se rexistrou afluencia de peregrinos estranxeiros, con predominio de portugueses, británicos e de diversos países asiáticos.
A pesares de que o Albergue do Porriño ten un total de 40 prazas tan só poden ocuparse diariamente 9, a causa das restricións decididas pola Xunta de Galicia.
O concelleiro responsable de Turismo, David Alonso, manifestou a súa satisfacción polos resultados que están a acadarse co punto de información turística, que o Concello instalou no albergue e que atende a técnica Belén Freire, que se encarga de informar aos peregrinos e visitantes sobre monumentos, paisaxes, oferta gastronómica e de tempo libre no Porriño. Atende a diario, de luns a venres, en horario de 09.00 h a 15.00 h.