No marco desta investigación, o grupo FS1 en colaboración coa Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), está a analizar os beneficios de manter o tratamento de drenaxe linfática en mulleres que padeceron cancro de mama, e estudan os beneficios dun tratamento a longo prazo en pacientes mastectomizadas.
As preto de 40 socias que participan, forman parte do Programa de Fisioterapia que AGL leva desenvolvendo dende o ano 2015 coa colaboración da Xunta de Galicia (a través da aportación do 0,7% do IRPF), o Plan de Prioridades da Fundación ONCE, a Deputación de A Coruña e a Deputación de Pontevedra.
Este estudo estase a levar a cabo en coordinación cos profesionais que forman parte do Programa de Fisioterapia da asociación AGL: Castro y Cea Fisioterapia en Santiago de Compostela; Centro de Fisioterapia Javier Agenjo en Ferrol; Fisiocentrum en Ourense e o Centro de Fisioterapia O Castro en Vigo.
Esta investigación supón a oportunidade de demostrar a importancia da drenaxe linfática manual como unha parte imprescindible no tratamento desta enfermidade.
Unha das problemáticas derivadas da realización dunha mastectomía ás mulleres afectadas por un cancro de mama é a aparición do linfedema, a inchazón do brazo afectado pola extracción dos ganglios linfáticos, que deriva nunha diminución de mobilidade, dor, sensación de pesadez ou falta de sensibilidade no membro afectado. Fronte a esta patoloxía, a realización dunha drenaxe linfática manual por parte das e os fisioterapeutas tense amosado como un tratamento eficaz á hora de reducir a acumulación de linfa que provoca esta inchazón e as problemáticas que desta derivan. Comprobar a efectividade de manter no tempo este tratamento, nunha fase de mantemento do linfedema, é o obxectivo do estudo que investigadoras do grupo FS1 da Facultade de Fisioterapia desenvolven nestes meses en colaboración coa Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL).
“A drenaxe linfática aplícase en etapas temperás e nós o que queremos demostrar é que hai que realizala tamén nunha fase de mantemento ao longo da vida”, apunta Eva Mª Lantarón, decana de Fisioterapia e investigadora principal deste estudo xunto coas investigadoras da facultade Mercedes Soto, Rocío Abalo e Iria Da Cuña. No marco da colaboración que manteñen con esta asociación, o estudo busca “demostrar os beneficios” dese tratamento de mantemento que reciben as súas socias, o que nestas semanas levou ás investigadoras do campus pontevedrés a realizar as primeiras dunha serie de avaliacións ás preto de 40 mulleres participantes no estudo. Todas elas, explica Lantarón, son pacientes que se viron afectadas por un cancro de mama, que padeceron linfedema tras a mastectomía e que, despois da drenaxe linfática inicial, continuaron recibindo tratamento por parte das e os fisioterapeutas que colaboran coa asociación.
Confirmar os beneficios que elas perciben
A chamada “terapia desconxestiva complexa”, que engloba a realización da drenaxe linfática xunto cunha serie de exercicios terapéuticos, técnicas compresivas e coidados da pel, constitúe o tratamento habitual fronte ao linfedema nunha primeira fase, tendo amosado a súa eficacia, como sinala Lantarón, á hora de acadar “unha clara redución do edema do tecido subcutáneo”. Tras lograr esta mellora, unha segunda fase, na que se centra o estudo, tería como obxectivo conservar e optimizar os resultados obtidos e lograr que o edema non volva aparecer. Nese senso, o obxectivo desta investigación é comprobar a efectividade desta fase de mantemento, posto que se ben algúns estudos teñen incidido nos seus beneficios, “existen tamén determinadas correntes que indican que non é necesaria”, explica.
Medicións en tres provincias
As preto de 40 socias que participan no estudo, forman parte do Programa de Fisioterapia que AGL leva desenvolvendo dende o ano 2015 coa colaboración da Xunta de Galicia (a través da aportación do 0,7% do IRPF), o Plan de Prioridades da Fundación ONCE, a Deputación de A Coruña e a Deputación de Pontevedra, e que posibilita que poidan levar a cabo un tratamento de mantemento ao longo de todo o ano.
Este “ensaio clínico cruzado, aleatorizado e cego” leva ás investigadoras do grupo FS1 a realizar medicións en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Ferrol, en coordinación cos profesionais que forman parte do programa de Fisioterapia de AGL: Castro y Cea Fisioterapia en Santiago de Compostela; Centro de Fisioterapia Javier Agenjo en Ferrol; Fisiocentrum en Ourense e o Centro de Fisioterapia O Castro en Vigo.
As participantes divídense en dous grupos homoxéneos, dos que un sométese ao longo dun mes a un “tratamento máis intensivo de drenaxe linfática manual” por parte das e os fisioterapeutas da asociación, mentres que o segundo non recibe ningún tratamento neste período. Antes e despois, as investigadoras realizan unha avaliación das participantes, sen coñecer en ningún momento se estas pertencen a un ou outro grupo, de tal xeito que “non estamos suxestionadas de ningunha maneira”, apunta Lantarón. Tras un “período de lavado” de dous meses, no que volven ao tratamento previo ao ensaio, o grupo co que non se levara a cabo a drenaxe linfática na primeira fase pasa a realizar ese tratamento intensivo, cunha sesión semanal, mentres que o outro pasa a ser o “grupo control” e non recibe ningún tratamento.
Antes e despois de cada unha das fases, realízanse medicións do diámetro do membro superior afectado en diferentes puntos anatómicos, do nivel de inchazón do brazo, a través “do desprazamento de volume de auga”, e do grosor do tecido subcutáneo mediante ecografía, así como tamén unha avaliación da forza muscular das pacientes. Todas estas medicións, explican, fanse tanto no brazo afectado como no outro.
“Vai depender tamén de se o sofres na túa man dominante ou non, pero o linfedema supón limitacións na vida diaria, polo que ao final estes son tratamentos que poden mellorar a súa calidade de vida”, salienta Lantarón, que sinala que un dos propósitos polos que levan a cabo este estudo, sen financiamento externo, “é porque é necesario reverter o noso traballo na sociedade”. Ao mesmo tempo, a decana pon o acento en que a colaboración con esta asociación vén de hai moitos años e contribúe “a que o alumnado sexa consciente do papel que poden desenvolver cos pacientes con linfedema”.