Tras confirmarse a concesión dunha nova subvención autonómica para a mellora do alumeado público, o Concello anuncia o inminente inicio dos traballos de instalación dun skatepark.
O Concello de Mos ven de recibir a resolución favorable de concesión de subvención por parte da Xunta de Galicia por importe de preto de 28.000 euros, sendo que o orzamento total supera os 37.000 euros, para a mellora da eficiencia enerxética na rede de luz pública mediante a instalación de iluminación led. Trátase do último paso no proxecto de mellora integral da zona de San Rafael (parroquia de Pereiras), que inclúe tamén unha nova pista deportiva multideporte, unha pista de skate park e mellora da seguridade viaria.
Segundo informa o Concello, a obra da pista multideporte xa se atopa adxudicada e o inicio dos traballos será inminente. Esta obra relízase grazas a un convenio de cooperación coa Secretaria Xeral para o Deporte polo importe total de 19.986,58 euros, asumindo a Secretaría Xeral para o Deporte 17.755,96 euros e o Concello de Mos os 2.230,62 euros restantes.
Pola súa banda o procedemento de contratación do skate park xa se atopa tamén iniciado e conta tamén con subvención autonómica por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de case 35.000 euros, e o orzamento total ascende a preto de 50.000 euros.