Un total de 219 deportistas coa marca provincial de alto nivel e promesa poden optar ás axudas ás que a Deputación destina este ano 250.000 euros
Desde este xoves as e os mellores deportistas da provincia xa poden solicitar as bolsas DepoDan e DepoPromesa, as axudas que a Deputación de Pontevedra distribuirá entre un total de 219 mulleres e homes, que obtiveron a marca provincial de deporte de alto nivel e promesa, ás que a institución destina este ano 250.000 euros. As bolsas xa foron publicadas no BOPPO e a partir de hoxe, as persoas aspirantes teñen un prazo de quince días hábiles para presentar as súas solicitudes, que deberán realizar preferentemente a través da sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal).
Como cada ano estas axudas, que se adxudican en función dos resultados deportivos, permiten o adestramento das e dos deportistas da provincia, 169 que teñen recoñecida a categoría Depo-Dan e as e os 50 que son Depo-Promesa, de cara a alcanzar os seus obxectivos deportivos con tranquilidade e dedicación. Ao mesmo tempo, serven de apoio para posibilitar a súa participación nas competicións nacionais e internacionais e acadar, deste xeito, as súas metas deportivas. A publicación desta convocatoria establece as condicións e procedementos para a concesión das bolsas.
As e os deportistas están divididos en dous grupos, grupo A, para deportistas con recoñecemento de DEPO-DAN, e grupo B, para deportistas DEPO-PROMESA. Máis polo miúdo, no grupo A hai catro categorías: A1, con 2.000 euros, para deportistas que acrediten un podio nun Campionato do Mundo; A2, con 1.250 euros, para deportistas do 4º posto en adiante no Campionato do Mundo ou podio no Europeo; A3, con 900 €, do 4º posto en adiante nun Campionato de Europa ou podio no Campionato de España, ou A4, 500 €, do 4º posto en adiante no Campionato de España ou podio no Campionato Galego. O mesmo ocorrerá co grupo B, deste xeito as e os do B1 recibirán 1.200 euros; do B2, 800 euros e do B3, 500 euros.