Alejandro Lorenzo denuncia que ninguén do Goberno local supervise como se fan eses traballos, ou encargue unha consultora externa para que audite, tal e como se recolle nos contratos asinados, ou nos servizo que seguen sen contrato algún
“Estes servizos supoñen contratos por valor dun millón de euros para o Concello do Porriño. Cada ano gástanse cantidades moi elevadas a pesar de que en concellos limítrofes se paga a metade”, sinalan
O Partido Popular do Porriño denuncia a falta de xestión en servizos públicos e esenciais a pesar da gran cantidade de cartos que cada ano custan ás arcas municipais. O voceiro Alejandro Lorenzo explica que “non lle estamos pedindo ao Goberno local que limpe as rúas ou a recollida de lixo. O que reclamamos é que alguén supervise que esas empresas que cada ano custan ao Concello do Porriño preto dun millón de euros, fagan o seu traballo ben”.
Refírese aos servizos de recollida transporte e tratamento de residuos domésticos e Punto Limpo, polos que o Concello do Porriño abona á empresa que realiza o servizo máis de 500.000 € anuais, ou á limpeza viaria, que custa preto doutros 500.000 € anuais. “Estes contratos, no referente ao lixo realizado de forma verbal, superan o millón de euros no Porriño, cando en concellos limítrofes como Tui ou Mos custan a metade. E este prezo tan elevado non se traduce nunha mellor calidade dos servizos, senón todo o contrario”.
O problema, segundo os populares, é que ninguén do Goberno local exerce a súa función de revisar, coordinar ou esixir resultados, o que se traduce nun despilfarro dos cartos municipais sen resultados. Por iso, no pleno o PP esixe que, tal e como se inclúen nos contratos ou acordos asinados coas empresas, e dado que ninguén do Goberno local se encarga de xestionar estes servizos, o Concello do Porriño encargue unha auditoría da xestión dos servizos e melloras ofertadas pola empresa para comprobar que se está facendo ben o acordado.
“Xestionar non é contratar un servizo a unha empresa e despreocuparse. Xestionar supón supervisar, percorrer as rúas, revisar o traballo, comprobar que todo o que se recolle nos contratos está feito e ben realizado”, conclúe Lorenzo.