Sthela Táboas 22/06/2021

Neste punto da parroquia porriñesa de Budiño investiranse 352.972 € en actuacións cun prazo de execución de 3 meses dende a adxudicación

A Concellería de Infraestruturas do Concello do Porriño, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira é a responsable desta actuación que persegue conectar esta zona de alta densidade de vivendas e na que está situado o Colexio Público da Cruz.

O proxecto para dotar de saneamento ao núcleo rural de O Picouzo, na parroquia de Budiño, atópase en fase de licitación polo Concello do Porriño. A actuación requirirá dun investimento de 352.972 €, co IVE incluído e un prazo de execución de 3 meses, a partir da adxudicación.

Coa execución deste proxecto “pretendemos dar resposta a unha antiga demanda dos veciños e vecinas do barrio e resolver a falla de conexión á rede de saneamento do centro docente de Budiño”, manifestou Pedro Pereira.

Para conectar O Picouzo coas redes de suministro e saneamento xerais do Porriño, proxéctase a instalación de catro grandes colectores de 542, 370, 404 e 1.010 m máis colectores de tramo, de tal xeito que se instalarán preto de 2 km de tuberías. Un deses grandes colectores, o número 4 segundo se describe no proxecto, descorrerá polas inmediacións da estrada PO-510, de titularidade autonómica.

O concelleiro, Pedro Pereira, xa mantivo reunión coa Xunta de Galicia para acadar informe favorable autorizando a súa execución. “Esta autorización da Xunta é moi importante para poder executar todos os colectores proxectados por gravidade e así evitar estacións de bombeo”, segundo explicou o responsable municipal de Infraestruturas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad