A concelleira de Igualdade indicou que “facendo un exercicio de responsabilidade, decidimos apostar pola prudencia e a seguridade”
A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño informa que o Campamento Municipal de Verán 2021 queda suspendido pola situación motivada pola Covid-19 e seguindo as medidas de prevención adecuadas provocadas pola pandemia.
“O obxectivo prioritario desta concellería é preservar a saúde das nenas e nenos e entendemos que aínda non existen as garantías sanitarias suficientes nas actividades colectivas que ofrezan un control de movementos e accións cando comparten espazos, actividades, xogos, excursións, sendo moi difícil que se impida o contacto entre as pequen@s xa que as actividades de interacción grupal son a base da maior parte dos xogos nos campamentos”, segundo manifestou Cami Moreira, concelleira responsable.
“Dende a Concellería de Igualdade, facendo un exercicio de responsabilidade, decidimos apostar pola prudencia e a seguridade, dos e das cativas, das súas familias e do seu entorno máis próximos”, engadiu a concelleira.
O Concello do Porriño agarda poder retomar a realización do campamento cara ao vindeiro ano, en canto se normalice a situación, agradecendo a comprensión por parte das familias porriñesas.