Coa música e Xela Arias como protagonistas e dous talleres de ocio de grande interés, a asociación invita a celebrar con eles a tarde do día 17 de maio
A Asociación Cultural Os Penediños de Atios celebrará o vindeiro luns 17 de maio o Día das Letras Galegas 2021 en honra da poeta, tradutora e editora Xela Arias.
Para conmemorar tan importante día levaranse a cabo as seguintes actividades no Centro Cultural situado no Barrio da Guía: “Obradoiro de camisolas e bolsas”, “Taller de vídeo con móbiles”, “Homenaxe a Xela Arias” e Sorteo de literatura.
16:30 h. Comezo do festexo.- A tarde de celebración do Día das Letras Galegas estará amenizada por un ambiente musical. Música de produción galega soará durante toda a sesión. Ademais, contarase coa actuación do grupo de música tradicional do propio Centro Cultural.
O Obradoiro de camisolas e bolsas estará dispoñible durante toda a tarde, de xeito que se poida atender a tod@s @s interesad@s en preparar as súas propias prendas con motivos sobre Xela Arias.
17:00 h. Taller de vídeo con móbiles.- A duración estimada deste é de dúas horas e estará dirixida por Juanma Lodo. Unha vez finalizado, preparase o vídeo final para a súa proxección.
20:00 h. Homenaxe a Xela Arias.- Rendirase unha homenaxe á autora a través da exposición preparada pola xuventude da asociación sobre a súa vida e a súa obra.
Como remate da homenaxe, procederase a sortear tres libros de lectura en galego para fomentar o interese pola lectura na nosa lingua.